A suba do prezo das materias primas afoga o rural galego

Rusia e Ucraína son dous actores internacionais fundamentais no comercio de cereais, fertilizantes e enerxía, polo que o conflito existente no leste de Europa pode ter importantes repercusións no sector agrogandeiro galego. Nós Diario conversa con representantes dos principais sindicatos agrarios ao respecto.
Un gandeiro estende batume no pasto das vacas (Foto: Carlos Castro / Europa Press).
photo_camera Gandeiro estende batume no pasto das vacas. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)

O sector agrogandeiro verase afectado case con total seguridade, din os expertos, polo conflito en Ucraína, pois os contendentes son dous países relevantes na produción de cereais. Mentres Rusia é o primeiro exportador de trigo a nivel mundial, a Ucraína fornece 35% de todos os cereais que entran na Unión Europea.

O prezo dos fertilizantes leva subindo desde o inicio da pandemia e alcanzou recentemente máximos históricos, unha situación que seguramente se agravará debido a que Rusia é un dos principais produtores a nivel mundial de fertilizantes baratos, e o segundo produtor máis importante de potasa, un importante nutrinte para a mellora da eficiencia dos cultivos.

Esta situación únese a actual suba dos prezos enerxéticos, no caso do gasóleo B, o que se emprega nas explotacións agrarias, este experimentou un incremento onte que o elevou até 1,074 euros o litro. Pola súa parte, a electricidade sufriu en febreiro un incremento interanual de 111,5% e alcanzou o sábado o prezo máis alto do ano, 261,11 euros por megawatt hora.

Elías Somoza, responsábel do sector gandeiro da Federación Rural Galega (Fruga), en declaracións a Nós Diario, afirmou que todo parece indicar que a situación en Ucraína xa se está a facer notar na economía primaria, pois téñense dado "unhas subas abusivas nos prezos do cereal nos últimos dous días" atopándose en "máximos históricos materias primas como o trigo e o millo". Tamén sinala que a colza "está a subir moito".

Con respecto aos fertilizantes Somoza indica que "os prezos xa triplicaban os do ano pasado antes do conflito e que esta situación non vai a axudar". 

Para o representante da Fruga tamén hai que ter en conta os importantes incrementos de prezo que se están a dar no eido da enerxía froito da situación no leste de Europa, pois a suba da electricidade e do petróleo son algúns dos factores que "máis van a afectar" ao incremento dos custes para o sector agrogandeiro.

O sindicalista considera o aumento da base territorial das explotacións galegas como un factor primordial para conseguir sobrepasar ou diminuír a dependencia do sector da volatilidade existente no mercado internacional. Porén, sinala que esta cuestión non está sendo abordada polo Goberno galego, que "favorece o eucalipto e os intereses de Ence". Somoza é taxativo ao respecto ao afirmar que "a política agraria non a pode rexer o lobby forestal".

Entre as cuestións que Somoza considera prioritarias para desenvolver a base territorial das explotacións e reducir a dependencia da Galiza están "o aproveitamento silvo-pastoril dos montes veciñais en man común e a mobilidade das terras".

Pola súa parte, a representante do Sindicato Labrego Galego (SLG), Isabel Vilalba, sinala que desde finais do ano pasado se está a experimentar unha suba dos cereais, e que, aínda que non se pode ratificar con datos polo momento, a repercusión da guerra ao sector agrogandeiro "é previsíbel pola importancia da zona en conflito en enerxía, cereais e fertilizantes". A maiores, alerta da posibilidade de que "os mercados financeiros poidan aproveitar a situación para especular coas materias primas".

Vilalba recalca que neste conflito "a principal preocupación son as vidas humanas", mais aclara que "sen esquecer as consecuencias económicas que tamén afectan ao desenvolvemento vital das persoas". A responsábel do SLG lembra que unha das insignias da súa organización foi historicamente apostar "polo desenvolvemento de proxectos agrarios e gandeiros que diminúan a dependencia das explotacións".

Un dos factores chave para a autosuficiencia da economía primaria galega, segundo a sindicalista, é o aumento da base territorial, "mais para iso é necesario contar con máis superficie agraria útil". Ao respecto, laiase de que "mentres en outras zonas da Unión Europea teñen 50% de superficie agraria, na Galiza esta non supera 20%", ao tempo que culpa desta situación a unha "política errada" por parte da Xunta. 

Unha das cuestións que remarca Vilalba é que "non se pode dicir que se loita por frear o abandono nin de mobilidade de terra cando esta se entrega a grandes empresas que non manteñen o rural con vida".

Roberto Gracia, representante de Unións Agrarias (UUAA), considera que é un feito que a raíz do conflito en Ucraína "o incremento dos custos se vai acentuar". Un feito, indica, que se combina "coa seca e as condición climáticas no Estado, que evitan o emprego de forraxes propias". Unha "certeza de que se van a disparar os custos" no sector agrogandeiro que agrava o problema que supón unha "lei da cadea" que provoca que non se pague un prezo xusto aos produtores de alimentos.

Gracia pon o exemplo do prezo do leite, xa que "mentres a propia Xunta marca o custo de produción do litro en 0,47 céntimos de euro, permite que os distribuidores o compren por debaixo". Cousa que tamén pasa coa tenreira galega, que se compra a cinco euros cuns custes de seis. "O 99% das transaccións de leite e carne incumpren", afirma.

Para o responsábel de UUAA a pandemia e a guerra demostran a necesidade de soberanía enerxética e alimentaria. Para conseguilo, cree prioritarios cambios normativos que permitan "o autoabastecemento de electricidade e a posterior venta dos excedentes" e fomenten o emprego de superficie agraria para "dar terra a quen a precise" e favorecer "o emprego de forraxes propias para reducir os custes".

Comentarios