PSA e Fiat Chrysler aseguran que non pecharán plantas

As empresas confirman nun comunicado que negocian a fusión do que sería o cuarto grupo automobilístico mundial, con sinerxías de 3.700 millóns de euros.

PSA Vigo  [Imaxe: Europa Press]
photo_camera PSA Vigo [Imaxe: Europa Press]

As negociacións entre os grupos PSA Peugeot Citröen e Fiat Chrysler Automobiles (FCA) están moi adiantadas, segundo confirmaron ambas empresas nun comunicado que recolle Europa Press. O grupo resultante sería o cuarto fabricante mundial do mundo do motor cunhas sinerxías anuais duns 3.700 millóns de euros.

Entre a información que transmitiron ambos grupos figura o acordo de traballar cunha participación do 50% por cada un deles e a previsión de asinar o memorando de entendemento “as vindeiras semanas".

Non se pecharán plantas

O comunicado conxunto das dúas empresas recolle de forma clara que a formación deste novo grupo resultante da fusión non levará consigo o peche de plantas, unha das preocupacións que se tiña en Vigo.

No comunicado PSA Peugeot Citröen e Fiat Chrysler Automobiles sinalan que a nova corporación resultante terá a súa sede nos Países Baixos e manterá unha "presenza significativa" nas actuais localizacións da firma en Italia, Francia e Estados Unidos.

O Consello de Administración da nova compañía estará formado por once membros e contará con John Elkann, presidente de FCA, como presidente, e Carlos Tavares, máximo responsábel do Grupo PSA, como conselleiro delegado por un período de cinco anos.

Comentarios