Só 40% dos fogares do sueste da Galiza contan con algunha persoa asalariada

A porcentaxe de casas galegas con algún soldo fica por baixo da de 2008
A pobreza impacta de xeito importante nas persoas maiores. (Foto: Europa Press)
photo_camera A pobreza impacta de xeito importante nas persoas maiores. (Foto: Europa Press)

As comarcas do sueste da Galiza (Terra de Celanova, Baixa Limia, A Limia, Verín e Viana) contan coa porcentaxe máis baixa do país de fogares nos que vive algunha persoa asalariada. 

En concreto, só 40,1% dos fogares da área que comprenden estas cinco comarcas contaba con algunha persoa cun emprego por conta allea en 2022, segundo o Estudo de salarios desde a perspectiva do fogar, publicado esta sexta feira polo Instituto Galego de Estatística (IGE).

A distancia co resto de áreas nas que o estudo desagrega o territorio galego foi moi grande, posto que o conxunto que forman as comarcas do sueste foi a única zona que contou cunha porcentaxe por baixo de 50%.

No outro extremo, a área de Santiago (que inclúe as comarcas de Compostela, A Barcala e O Sar) foi a que tivo unha maior taxa de fogares que contaban no ano 2022 cando menos cunha persoa asalariada, de 67,53%. 

Seguiuna moi de perto a área da Coruña (que inclúe as comarcas da Coruña e das Mariñas), cunha porcentaxe de 66,36%, a área das comarcas de Caldas e O Salnés, con 65,16%, e a área da comarca de Vigo, con 64,57%.

Pola súa parte, no conxunto da Galiza, a media de fogares que contaba con cando menos unha  asalariada ficou en 60,37%. Así, aínda non se chegaron a recuperar os niveis previos á crise económica de 2008, cando esta porcentaxe ascendía a 61,33%.

Por tipoloxía, os fogares do tipo parella con crianzas foron nos que as persoas asalariadas tiveron máis peso (87,25%). No outro extremo ficaron os fogares do tipo unipersoal, nos que a porcentaxe foi de 30,57%. Ademais, no ano 2022, a taxa de fogares da Galiza que tiñan como fonte principal de ingresos os salarios ficou en 47,12%.

Comentarios