Medra a 17% a poboación portuguesa que vive baixo o risco de pobreza

As mulleres e as persoas máis novas, as máis afectadas polas estatísticas.
Cidade portuguesa do Porto. (Foto: Mario)
photo_camera Cidade portuguesa do Porto. (Foto: Mario)

Até 1.775.514 portuguesas e portugueses vivían baixo o risco de pobreza en 2022, 17% da poboación, refire o Inquérito às Condições de Vida e Rendimentos publicado hoxe polo Instituto Nacional de Estatística luso, que revelou que o risco de pobreza se elevou en todos os grupos de idade e, de maneira significativa, entre as mulleres.

Esta cifra supón 0,6% máis que a taxa de 2021, marcada en 16,4%. Aínda así, segue por baixo da porcentaxe de 2020, con 18,4%. A institución considera que padecen pobreza as persoas cuns ingresos que non superen os 591 euros mensuais.

Entre os grupos de idade, o maior incremento produciuse entre as persoas menores de 18 anos, con 2,2 puntos máis, moi por riba das adultas en idade de traballar, con 0,4%, e das maiores, con 0,1%.

Asemade, o Instituto incide en que a suba foi especialmente marcada nas mulleres, con 0,9%, tres veces máis que no que atinxe aos homes.

Até 10% da poboación empregada en Portugal sofre risco de pobreza, uns datos que entre as persoas desempregadas alcanza 46,4%, todo isto no medio dun aumento da desigualdade entre as persoas con maiores e menores ingresos e dunha diminución da taxa de redución da pobreza por mor das axudas sociais.

As estatísticas tamén amosan grandes diferenzas segundo o nivel de estudos, pois mentres nas persoas que non remataron a educación básica medra a 22,7%, ao tempo queda en 13,5% no caso de ter completado a educación secundaria e 5,8% para a poboación con estudos superiores.

Pobreza e exclusión social

Amais da pobreza, de incluírse ás persoas en fogares con traballos de menos de 20% do tempo de traballo dispoñíbel ou con carencias a nivel material e social, a cifra total acada 20,1%.

Comentarios