O sector pesqueiro galego perdeu o 21,5% dos traballadores nesta década

No verán de 2006 eran máis de 27.000 os inscritos no réxime especial do mar da Seguridade Social, unha cifra que agora non atinxe os 21.500.

Mar pesca barco Mikel arrazola

O sector pesqueiro galego continúa a perder traballadores ano a ano. Unha serie de factores, desde a escasez de cotas á perda de caladoiros tradicionais, pasando polo abandono dun oficio duro, levan a que as persoas rexistradas no réxime especial do mar da seguridade social (figuran mariñeiros e mariños da mariña mercante) non pare de baixar. No 2006 había rexistradas en Galiza 27.271 persoas nese censo, unha cifra que agora é de 21.415, o que supón 5.856 traballadores menos. Unha caída do 21,5%, un de cada cinco. Unha perda significativa para un país mariñeiro como o noso. A redución afecta máis aos traballadores por conta allea, que pasaron de ser 15.857 en 2006 a apenas 12.000 unha década despois, case 4.000 menos. Caen tamén os inscritos por conta propia, que de 11.414 pasan a 9.354.

Mais esa caída tamén se reflicte na frota pesqueira galega, que desde 2004 até hoxe perdeu máis do 20% das embarcacións. En 2004 eran 5.565 os barcos do censo da frota pesqueira en Galiza. Máis dunha década despois esa cifra minguou considerabelmente até os 4.430. Son 1.135 embarcacións menos. Unha perda que afecta nomeadamente á frota de artes menores, a artesanal. Eran 4.867  embarcacións en 2004 e son 3.928 agora, 939 menos.

Despezamento

Os gobernos do PP destinaron entre 2010 e 2015 un total de 83,6 millóns ao despezamento da frota galega. Recibe o nome de ‘paralización definitiva da actividade’ mais en peiraos e confrarías denomínase directamente como o que é ‘desguace’ (despezamento). Sacar un barco do mar para despezalo e que xa non volva pescar. Para ‘chatarra’, como se lle di tamén popularmente. E a isto destínase unha das principais partidas pesqueiras en Galiza, a despezamento de barcos.

Durante os anos que leva gobernando Núñez Feijóo (2010 a 2015) máis de 83,6 millóns de euros foron destinados a esta finalidade. Máis de 38.100 euros cada día. Unha boa tallada dos orzamentos pesqueiros, sendo a meirande parte destes fondos fornecidos pola Unión Europea.

Comentarios