Santander introduce pequenas modificacións na súa proposta de ERE

Ofreceu aos sindicatos unha redución da afectación do expediente.
Protesta de CIG-Banca ante unha oficina do Santander en Ourense
photo_camera Protesta de CIG-Banca ante unha oficina do Santander en Ourense (Foto: CIG)

Banco Santander ofreceu hoxe unha redución da afectación do expediente de regulación de emprego (ERE) previsto para 5.090 empregados en todo o Estado español, ao ampliar até 1.200 persoas as que non abandonarán a entidade, senón que serán recolocadas en empresas do grupo, informaron fontes sindicais após a reunión desta terza feira.

A proposta inicial do ERE contemplaba que do total do persoal afectado 1.090 persoas fosen recolocadas, mentres que o resto abandonarían a entidade. Agora, este segundo grupo increméntase até 1.200, das que 900 irán a empresas do grupo e 300 a Santander Persoal.

O banco tamén cedeu á hora de manter as primas de adhesión, a falta de concretar a proposta, e de retirar a mobilidade xeográfica de 400 quilómetros entre illas e limitar a mobilidade máxima a 150 quilómetros.

Para CCOO estes avances "seguen sendo totalmente insuficientes", polo que continúa esixindo unha redución do perímetro de destrución de emprego xunto con algunha ferramenta de previsión social para as persoas afectadas por traspaso a empresas do grupo. 

A próxima xuntanza entre empresa e sindicatos será mañá, 3 de decembro.

Protestas na Galiza

Pola súa parte, CIG-Banca continuouco calendario de mobilizacións en rexeitamento aos despedimentos e feches de oficinas que o Banco Santander quere executar co novo ERE. Desta volta, as protestas realizáronse diante de varias das oficinas das cidades de Lugo e Ourense.

Segundo denuncian desde o sindicato, desde hai dous anos o banco está aplicando unha agresiva campaña para botar as clientas e clientes das oficinas e obrigalos a relacionarse coa entidade a través do caixeiro, a banca online ou por vía telefónica "sen importarlle a idade, os coñecementos ou os recursos que teñan estas persoas".

 Agora pretende utilizar esa dixitalización forzosa para xustificar este novo feche e esta nova destrución de emprego, apuntan desde a CIG, que lembran que na Galiza este axuste implicará o feche de 79 oficinas máis, "afondando a exclusión financeira á que o proceso de reestruturación e concentración bancaria está levando a centos de galegas e galegos que viven nas zonas rurais".

Comentarios