Rusia advirte á UE de que limitar o prezo do petróleo prexudica os seus propios intereses

Tensión entre Bruxelas e Washington polo prezo da enerxía.
A UE limitou a 60 dólares o prezo do cru ruso que chega por mar (Foto: Nós Diario).
photo_camera A UE limitou a 60 dólares o prezo do cru ruso que chega por mar (Foto: Nós Diario).

O viceministro de Asuntos Exteriores de Rusia, Serguéi Riabkov, afirmou esta terza feira que os Estados Unidos de América (EUA) e os seus aliados da Unión Europa (UE) prexudícanse a si propios co tope ao prezo do petróleo ruso transportado por mar. 

"Os EUA, recorrendo a ese tipo de artimañas e arrastrando aos seus propios aliados da UE baixo as súas decisións, está cortando a rama na que senta", declarou o viceministro de Asuntos Exteriores de Rusia.

Ademais, Riabkov afirmou que as institucións rusas xa se prepararon para vivir baixo as condicións do límite estabelecido en 60 dólares por barril, que entrou en vigor esta semana na UE. 

"Como reaccionará o mercado a continuación xa o saberemos, mais en calquera caso os nosos intereses neste ámbito estarán asegurados, dunha forma ou outra", manifestou Riabkov. 

Moscova cualificou en reiteradas ocasións a iniciativa occidental como unha "medida antimercado" que "pode complicar considerabelmente a situación nos mercados enerxéticos mundiais", e advertiu que "non pensa fornecer" petróleo aos Estados e compañías que se unan á limitación do seu prezo.

Disputa entre Hungría e o resto de Estados da UE

Os ministros de Economía da UE aprazaron esta terza feira a decisión da conxelación de 7.500 millóns de euros de fondos de Cohesión a Hungría por problemas de corrupción e Estado de dereito, mentres Budapest exerceu presión opóndose á axuda financeira de 18.000 millóns a Ucraína.

"O presidente (de Francia) Emmanuel Macron ten razón: o custo da guerra Rusia-Ucraína non é o mesmo en ambos os lados do Atlántico. Se queremos que a industria europea sobreviva, debemos abordar a crise enerxética europea rapidamente. Xa é hora de reavaliar as sancións", escribiu esta terza feira en Twitter o presidente de Hungría, Viktor Orban.

Orban facía referencia ás declaracións de Macron nas que afirmaba que aínda que a UE e os EUA están comprometidos "polos mesmos principios" neste conflito, a UE compra gas natural aos EUA a prezos por encima do que pagan os seus cidadáns.

Comentarios