Gazprom interrompe a subministración de gas a Letonia

O Estado ruso aduce incumprimentos técnicos por parte da empresa Siemens como motivo da redución no envío de gas a Europa.
Instalacións de Gazprom, na cidade rusa de San Petesburgo (Foto: Maksim Konstantinov / SOPA Images / DPA)
photo_camera Instalacións de Gazprom, na cidade rusa de San Petesburgo (Foto: Maksim Konstantinov / SOPA Images / DPA)

A empresa estatal rusa Gazprom comunicou que suspendeu este sábado as subministracións de gas a Letonia no marco da súa oferta de xullo. Segundo detallou a compañía, a decisión foi tomada "debido ao incumprimento das condicións de retirada de gas".

Os datos do operador letón de transmisión de gas Conexus tamén confirman a suspensión da subministración de gas desde Rusia a partir deste 30 de xullo.

O Goberno de Letonia declarara recentemente a súa intención de suspender as importacións de gas ruso por completo a partir de xaneiro de 2023 en resposta á guerra rusa contra Ucraína. Con todo, o ano pasado, Letonia aínda compraba ao redor de 90% do seu gas a Moscova.

Rusia suspendeu recentemente as entregas de gas a varios países da Unión Europea (UE), incluídos Polonia e Bulgaria, ante a súa negativa a pagar en rublos, unha regulación anunciada polo presidente ruso, Vladimir Putin, como reacción ás sancións da UE contra Rusia.

Rusia aduce incumprimentos técnicos de Siemens

A compañía rusa tamén reduciu esta semana as entregas de gas a Europa a través do gasoduto Nord Stream a ao redor de 20% da súa capacidade.

Alemaña, un dos países máis afectados pola redución, argumenta que os cortes son simplemente un castigo de Rusia polas sancións. "Tenta debilitar o gran apoio a Ucraína e abrir unha brecha na nosa sociedade. Para iso, axita a incerteza e fai subir os prezos. Estamos a contrarrestar isto con unidade e acción enfocada. Estamos a tomar precaucións para pasar o inverno", lamentou o vicechanceler alemán, Robert Habeck.

Porén, na sexta feira, Gazprom explicou a causa da redución da subministración de gas a Europa, rexeitando as acusacións de non cumprir coas súas obrigacións para o abastecemento de gas e declarando que a compañía Siemens reparou "non máis de" unha cuarta parte dos defectos nas turbinas do gasoduto Nord Stream 1.

O vicepresidente da compañía, Vitali Markélov, indicou que, debido a causas técnicas, a estación de compresión de Portovaya agora non pode procesar máis de 33 millóns de metros cúbicos de gas por día para o Nord Stream 1, agregando que esta situación "está relacionada en gran medida cos motores da compañía Siemens".

Comentarios