Bruxelas negocia novas sancións a Rusia mentres o euro segue a perder valor

A presidenta da Comisión da UE, Ursula von der Leyen, presentou o seu proxecto dun novo paquete de sancións contra Rusia, o sexto desde o inicio da invasión a Ucraína. Os Estados membros negocian para sacalo adiante sen consenso polo de agora. O euro sofre unha intensa caída desde que comezaron estes paquetes de sancións.
A presidenta da Comisión da UE, Ursula von der Leyen, explicou as medidas das novas sancións. (Foto: Philipp von Ditfurth / dpa)
photo_camera A presidenta da Comisión da UE, Ursula von der Leyen, explicou as medidas das novas sancións. (Foto: Philipp von Ditfurth / dpa)

A presidenta da Comisión da Unión Europea (UE), Ursula von der Leyen, presentou esta cuarta feira o seu proxecto dun novo paquete de sancións contra Rusia, o sexto desde o inicio do operativo militar ruso en Ucraína. 

Segundo explicou a política, o conxunto de medidas consta de catro grupos que teñen que ver con sancións persoais, económicas e mediáticas.

"Primeiro, enumeramos a oficiais militares de alto rango e outras persoas que cometeron crimes de guerra en Bucha. Sabemos quen son. E vostedes serán responsábeis.

Segundo, desconectamos do Swift a Sberbank, o banco máis grande de Rusia, e outros dous bancos importantes. Terceiro, estamos a prohibir (transmitir en) nosas ondas a tres grandes emisoras estatais rusas que amplifican agresivamente as mentiras e a propaganda de Putin. Finalmente, agora propomos unha prohibición do petróleo ruso", escribiu von der Leyen. Os nomes das persoas sancionadas, así como os detalles concretos das medidas, son aínda descoñecidos. 

En canto ao rexeitamento ao petróleo ruso, a xefa do bloque da UE indicou que "non será fácil" e instou a alcanzalo "de maneira ordenada" co obxectivo de "maximizar a presión sobre Rusia e minimizar o impacto nas nosas economías". Von der Leyen, agregou que a UE renunciará "progresivamente á subministración rusa de petróleo cru ao longo dos próximos seis anos e ao de produtos refinados de aquí a final de ano".

Deste modo, dixo a xefa do Executivo comunitario, a UE exercerá unha "presión máxima" sobre o Kremlin á vez que "reduce ao mínimo os danos colaterais", porque "para poder axudar a Ucraína necesitamos que a nosa economía se manteña forte".

A proposta detallada sobre o sexto paquete de sancións está a ser examinada polos Estados membros nunha reunión de embaixadores en Bruxelas. O obxectivo da Comisión da UE é que os Estados logren un acordo antes do final da semana. Porén, algúns Estados, como Eslovaquia e Hungría, reclaman excepcións para atrasar a aplicación das sancións pola súa forte dependencia enerxética. 

Críticas de Hungría

O Goberno de Hungría criticou a proposta de Bruxelas para prohibir na UE as importacións de petróleo ruso, alegando que non contempla as dúbidas que aínda persisten en Budapest sobre a seguridade enerxética húngara. 

"Non vemos plans na proposta actual para xestionar un período de transición nin como se garantiría a seguridade enerxética de Hungría", afirmou o portavoz do Goberno húngaro, Zoltan Kovacs.

Caída histórica do euro

A caída do euro sitúa a moeda próxima á equiparación co dólar. (Fonte: Investing.com)
A caída do euro sitúa a moeda próxima á equiparación co dólar. (Fonte: Investing.com)

O euro experimentou unha histórica caída. Mentres o 5 de maio de 2021, un ano atrás, o valor de cada unidade era de 1,20 dólares, o cambio chegou até 1,05 esta cuarta feira, aproximándose a valores de equiparación entre as dúas moedas.

Como xa informou Nós Diario, o valor da moeda rusa, o rublo, atópase en valores superiores ao comezo da invasión de Ucraína. Pola contra, o valor do euro experimentou unha intensificación da súa caída nos últimos meses. 

O 23 de febreiro, data do primeiro paquete de sancións a Rusia, o cambio do euro estaba en 1,13 dólares, mais a súa caída continúa desde aquel día até 1,05 está a afectar aos aforros e á capacidade de compra da cidadanía dos Estados que empregan esta moeda. 

Comentarios