O rexistro de 11 variedades de oliveira do país abre a porta á produción de aceite galego

Enrique Sáez, Mª Carmen Martínez e Javier Rei, durante o acto. (Foto: Juana de Vega - CSIC)
O rexistro de 11 variedades de oliva autóctona incrementa as posibilidades dun sector do aceite de oliva galego forte. A presenza de árbores centenarias proba a posibilidade de cultivo e a longa tradición.

O Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) e a Fundación Juana de Vega finalizaron a primeira fase de recuperación, descrición e recoñecemento das antigas variedades autóctonas de oliveira da Galiza, o que senta as bases dun "novo" sector de aceite galego "cun futuro inmellorábel".

Así o anunciaron nun acto decorrido esta quinta feira o delegado institucional do CSIC na Galiza, Javier Rei Campos, a xefa do grupo de Viticultura, Oliveira e Rosa da Misión Biolóxica da Galiza, María Carmen Martínez Rodríguez, e Enrique Sáez Ponche, presidente da Fundación Juana de Vega.

Durante os últimos cinco anos de investigacións téñense marcado e estudado 167 oliveiras -practicamente todas centenarias- en distintos puntos da xeografía galega, diferenciando 20 variedades autóctonas distintas.

 Agora, após os traballos, o CSIC iniciou o proceso de rexistro na lista estatal de variedades de interese comercial de 11 delas, para que sexan recoñecidas a nivel internacional como únicas e diferentes. 

A continuación, completarase o proceso de certificación de varios clons de cada unha destas variedades. Os detalles do traballo déronse a coñecer na Delegación Institucional do CSIC na Galiza e mostraranse máis amplamente nunha xornada técnica o 24 de marzo nas instalacións da Misión Biolóxica en Pontevedra. 

Os resultados obtidos no proxecto de “Apoio á consolidación no mercado de aceites galegos de calidade, mediante o uso de variedades de oliveira autóctonas”, teñen un gran valor científico e práctico.

Trátase de variedades descoñecidas até o momento, que contribúen a ampliar a diversidade do patrimonio agrario común existente. Están ademais asociadas a unha zona de clima húmido, moi diferente ao do resto de zonas oliveiras da península Ibérica e do resto de Europa, o que sitúa Galiza como a zona oliveira máis occidental do continente europeo.

Longa tradición na Galiza

Apenas hai referencias históricas aos cultivos da oliva na Galiza mais si teorías que fan referencia á súa desaparición. A proba irrefutábel de que estiveron aí é que aínda hai moitos exemplares repartidos polo país. Outra proba de que na Galiza é posíbel o seu cultivo é que, ademais do feito de que aínda crezan exemplares novos, consérvanse numerosas árbores centenarias.

"Nalgúns sitios cóntannos que elaboraban aceite para autoconsumo e había  almazaras en zonas como Quiroga, Valdeorras ou Verín", explica a xefa do Grupo de Viticultura e Oliveira da Misión Biolóxica da Galiza, María del Carmen Martínez.