Pode a Galiza contar cun aceite de oliva con denominación de orixe propia?

Traballadores e traballadoras recollendo a oliva nun terreo de Quiroga (Foto: Ouro de Quiroga).
Tanto os investigadores como os promotores da investigación coinciden na oportunidade que abre esta identificación á hora de poder constituír unha denominación de orixe propia na Galiza.

O Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) identificou 20 variedades de oliveira autóctona da Galiza, únicas no mundo, nunha investigación de cinco anos de duración, centrada na recuperación, descrición e recoñecemento de antigas variedades autóctonas de oliveira do país. Durante o estudo analizáronse 167 oliveiras distribuídas por toda a Galiza, dos cales case todos son centenarios.

A xefa do grupo de Viticultura; Oliveira e Rosa (VIOR), que é a sección da Misión Biolóxica de Galicia que desenvolveu o estudo, Maria del Carmen Martínez Rodríguez, explicou que o CSIC comezou o rexistro na lista española de 11 das variedades "para que sexan recoñecidas oficialmente a nivel internacional como únicas e diferentes a todas as existentes".

Ademais, Martínez Rodríguez puntualizou que os exemplares atopábanse distribuídos por todo o territorio galego, e que un dos problemas principais é que "non tiñan nome coñecido", ao contrario que noutros estudos similares nos que os exemplares conservan os seus nomes na tradición oral.

A xefa do grupo VIOR advertiu de que o proceso de rexistro é "laborioso" e leva "moitos anos", pero que é esencial para nun futuro poder crear un aceite galego con denominación de orixe.

"Rescate das oliveiras galegas"

O delegado institucional do CSIC na Galiza, Javier Rey Campos, explicou que este estudo significou un "rescate das oliveiras galegas" que "sentará as bases dun novo panorama agrario na produción de aceite" no país.

O mesmo opinou o presidente da Fundación Juana de Vega, Enrique Sáez Ponte, que destacou que este estudo abriu "campos para competir mellor". Sáez Ponte fundamentou o seu argumento en que hai 20 anos levaron a cabo unha investigación, tamén co grupo VIOR e de 5 anos, de recuperación das uvas de Betanzos.

Este estudo fixo que "un viño que se vendía en barrís entre familiares" se convertese nun que agora se vende "nos mellores restaurantes da Galiza", segundo o presidente da fundación. Por iso, concluíu que hai que "imitar" o que fixo o viño de Betanzos e ver ese proceso como "un referente para o aceite".

Ademais, o presidente da Fundación Juana de Vega analizou que o desenvolvemento do sector olivareiro galego tense que apoiar na "diferenciación" e a "calidade" como elemento competitivo.