REE abre a porta a erguer parques eólicos mariños fronte á costa da Mariña e Ortegal

Rede Eléctrica Española pon a Galiza a producir enerxía barata para Madrid

A Planificación da Rede de Transporte de Electricidade até 2026 aprobada pola empresa pública estatal Rede Eléctrica Española (REE) avanza na tradicional especialización produtiva, perpetuando o papel da Galiza como xeradora de enerxía e de Madrid como consumidora.

photo_camera Parque eólico de Iberdrola en Nogueira de Ramuín. (Foto:Nós Diario)

Rede Eléctrica Española (REE) presentou a pasada semana a Planificación da Rede de Transporte de Electricidade 2021-2026. O programa recolle actuacións cun investimento de 6.964 millóns de euros e é considerado pola empresa promotora como “un instrumento estratéxico co que se desenvolverán as infraestruturas necesarias para que o Estado español siga gozando dunha subministración de electricidade con altos niveis de calidade e continúe avanzando na  descarbonización do seu modelo enerxético”.

A planificación aprobada por REE e validada polo Goberno de Pedro Sánchez vén perpetuar os deseños económicos vixentes no Estado desde décadas atrás e a especialización produtiva fixada pola división do traballo no Estado. Así, a Galiza reserváselle un papel de produtor e exportador de electricidade barata aos grandes centros produtivos do Estado e de xeito, moi particular, a Madrid. Pola súa parte, a capital do Estado fica como grande beneficiado dun modelo que lle fornece enerxía gratuíta e o libra de asumir os custos sociais e ambientais derivados da xeración eléctrica.

Madrid consume

Madrid é gran consumidor eléctrico. Segundo as cifras achegadas por Rede Eléctrica Española para 2021, ultima anualidade con datos, a capital do Estado consumiu 27.285.406 de megawatts hora (mw/h). Porén só produciu 1.333.390 de mw/h, véndose obrigada a importar os restantes 25.952.016 mw/h doutras partes do Estado para facer fronte ás necesidades de electricidade de particulares e empresas. Malia que boa parte da electricidade empregada en Madrid procede da Galiza, non hai diferenza no custo para a cidadanía dos dous territorios.

Os obxectivos marcados para Madrid pola Planificación da Rede de Transporte de Electricidade 2021-2026 de REE non deixan lugar a dúbida. Así, sinálase que a “Planificación 21-26 desenvolverá actuacións que reforzarán a subministración eléctrica” e que “as novas infraestruturas farán posíbel a chegada de novos fluxos de enerxía desde as zonas da península con abundantes recursos renovábeis, que servirán para cubrir a demanda e para promover a evolución do mix enerxético cara a un máis sostíbel”.Na mesma dirección, indican que “co novo plan, Madrid revalidará a súa posición de centro de confluencia e conexión de moitos dos novos eixos ferroviarios”.

A escasa produción de enerxía eléctrica de Madrid e a ausencia de parques eólicos no seu territorio é resultado de decisións políticas. A este respecto, o integrante do colectivo Bidán, Fernando Branco, lembra a Nós Diario como “no ano 2004 houbo até sete proxectos de instalación de centrais eléctricas de ciclos combinados que usan gas natural e hoxe non ten ningún pola negativa dos políticos madrileños a non cargar co seu custo social e ambiental”.

Naquel momento, a presidenta madrileña Esperanza Aguirre argumentou en sede parlamentaria que “Madrid non está para producir enerxía”.

A Galiza produce

A Galiza é unha grande produtor eléctrica. En 2021 xerou 24.205.021 mw/h, 17.974.300 dos cales foron de orixe renovábel e 6.230.721 de orixe non renovábel. Segundo os datos de REE, exportou 28,1% do total da electricidade producida, unha cifra na liña das últimas anualidades.

A este respecto, Fernando Branco afirma que “o valor dese 28% de electricidade que exportamos, isto é 6.426.339 mw/hora, chega a 715.894.164 euros”. O deseño plasmado para a Galiza na Planificación da Rede de Transporte de Electricidade 2021-2026 de REE é claro. Nesta liña aposta “por facilitar a evacuación de renovábeis conectadas á rede de distribución da zona” e contribuír “ao proceso de transición ecolóxica en España, facilitando unha maior integración de xeración renovábel, até 293 gw/h adicionais ao ano”.

REE está definindo así o desenvolvemento da eólica mariña na Galiza. Nesa dirección, sinala que “a planificación ofrecerá un vigoroso impulso á aposta da Galiza pola eólica  offshore. Desta maneira, inclúense actuacións para facer posíbel a futura conexión de xeración eólica mariña en zonas incluídas como prioritarias no Plan de ordenación do espazo marítimo. Para iso, realizaranse ampliacións das subestacións de Xove 400  kw e de Atios 220  kw”. Precisamente a subestación de Xove é o punto marcado para evacuar a electricidade xerada polos parques eólicos mariños de San Cibrao e San Brandán, promovidos por Iberdrola fronte á costa da Mariña e Ortegal e rexeitados polo sector pesqueiro.

Comentarios