A capital do Estado non produce nin un só megawatt de electricidade de orixe eólica

A Comunidade de Madrid non ten instalado ningún aeroxerador eólico

Os datos de xeración e consumo eléctrico dan conta das relacións de poder no interior do Estado. Mentres unhas áreas se especializan en produción de baixo valor engadido, outras céntranse na elaboración de mercadorías de alto valor. A actual lóxica do mercado eléctrico español explícase nesa variábel.

1
photo_camera As montañas da serra de Madrid están libres de eólicos. (Foto: Nós Diario)

A Comunidade de Madrid dispón dunha superficie de 8.028 quilómetros cadrados pero non conta con ningún aeroxerador para a produción de electricidade de orixe eólica no seu territorio. A extensión de Madrid é superior en 77 quilómetros cadrados á circunscrición da Coruña, porén esta demarcación dispuña a mediados de 2019 de 68 parques eólicos. Outro tanto acontece en Ourense, cuxa superficie se sitúa en 7.237 quilómetros cadrados, declarando en marzo de 2019 un total de 11 parques noutros tantos lugares. O Concello de Muras, cunha extensión de 163 quilómetros cadrados, suma 15 parques eólicos e un total de 381 aeroxeradores.

Galiza contaba a 31 de decembro de 2020 con 4.043 aeroxeradores na Galiza, unha potencia eólica instalada de 3.829 megawatts e unha capacidade de xeración para ese exercicio de 9.992.238 megawatt hora. Pola contra, a Comunidade de Madrid non producía ningún megawatt de orixe eólica, situándose o resto das producións enerxéticas nuns niveis moi baixos e véndose obrigada a importar en 2020 un total de 25.618.471 de megawatts hora para facer fronte ás súas necesidades de consumo eléctrico, que nese ano representaba 26.908.944 megawatts hora. Mentres Madrid presentaba un saldo claramente deficitario, a Galiza exportaba nesa anualidade 6.874.264 de megawatts hora, cuxo destino principal era a capital do Estado.

Madrid é a única comunidade do Estado que non conta con ningunha instalación eólica e non xera electricidade procedente do vento. O primeiro territorio en número de aeroxeradores é Castela e León con 4.638, seguido da Galiza con 4.043, Castela-A Mancha con 3.115 e Aragón con 2.279, situándose nos postos de cola Baleares con 4, Estremadura con 15 e Cantabria con 39. Castela e León liderou, tamén, a produción de electricidade de orixe eólica en 2020 con 15.576.092 megawatts hora, a continuación colocouse a Galiza con 9.992.238 megawatts hora, Aragón con 7.314.346 megawatts hora e Castela-A Mancha con 7.161.191 megawatts hora. Mentres na Galiza se disparan os proxectos de novos parques eólicos, en Madrid non hai ningunha solicitude presentada en 2021 para pór en marcha instalacións deste tipo.

A Galiza, sen vantaxes

O profesor da Facultade de Económicas da Universidade de Santiago de Compostela Adrián Dios cuestiona os beneficios da especialización produtiva da Galiza na xeración eléctrica. “A Galiza ten unha matriz produtivista dentro da organización económica española, cunha posición subordinada, onde estamos encargados de producir electricidade para fornecer a Madrid, malia ser excedentarios”, afirma Dios, quen sinala a Nós Diario que “tal e como funciona o sistema tarifario español para a Galiza non hai ningunha vantaxe de exportar electricidade”.

 “Madrid non está para producir enerxía”

A escasa produción de enerxía eléctrica e a ausencia de parques eólicos en Madrid non están ligadas ás características xeográficas ou condicións físicas dese territorio. Isto é resultado dun deseño político estatal, concretado nunha particular especialización produtiva e nunha determinada división do traballo. A este respecto, o integrante do colectivo Bidán Fernando Branco lembra a Nós Diario como “no ano 2004 houbo até sete proxectos de instalación de centrais eléctricas de ciclos combinados que usan gas natural e hoxe non ten ningún pola negativa dos políticos madrileños a non cargar co seu custo social e ambiental”. Naquel momento, a presidenta madrileña Esperanza Aguirre argumentou en sede parlamentaria que “Madrid non está para producir enerxía”.

Comentarios