Protesta de mariñeiros do caladoiro mauritano fartos da "incompetencia" de Xunta e Madrid

Un cento de mariñeiros concentráronse perante a Axencia Europea de Pesca en Vigo para reclamaren o pagamento das axudas prometidas pola parada obrigatoria, alén de demandar que Galiza poda volver faenar en Mauritania
Protesta en Vigo
photo_camera Protesta en Vigo

Os mariñeiros galegos expulsados do caladoiro de Mauritania, por mor dun recente acordo subscrito pola UE, non están dispostos a deixar de loitar polo que entenden que son os seus dereitos. Un cento de profesionais da frota mauritana, procedentes fundamentalmente da comarca do Morrazo, concentráronse esta segunda perante a Axencia Galega de Pesca, en Vigo, nunha mobilización que tiña dous obxectivos principais, como indica Xabier Aboi, do sindicato CIG.

Dunha banda, denunciar que as prometidas axudas do goberno española estes mariñeiros pola parada obrigatoria non se están a pagar. "Levamos 54 días desde que nos botaron do caladoiro de Mauritania e esa orde de axudas (45 euros/días e por mariñeiro) nen sequer foi publicada", denuncia Aboi. De feito, engade, nin ministerio nin Xunta resposden as preguntas que nestes días se lles remite desde o sector a este respecto. 

A CIG lembra que o ministro Arias Cañete e altos cargos da Xunta déronse présa en comparecer e anunciar que habería axudas económicas para os mariñeiros afectados pola expulsión das augas mauritanas. "Mais nada de nada. Son uns mentireiros", sentenza Xabier Aboi.

"Se fose que hai escasez de recursos, non entrarían os barcos chineses a ocupar o sitio dos galegos"

Volver

Mais a concentración perante a Axencia Europea de Pesca tiña tamén unha segunda reclamación: que se permita á frota galega volver faenar en Mauritania. Non hai razóns, "alén da incompetencia da Xunta e Madrid", que xustifiquen que os cefalopodeiros galegos non deban pescar nesas augas.

Neste sentido, desde a central nacionalista afírmase que os argumentos de tipo biolóxico non son válidos. "Se fose así, que hai escasez de recursos, non entrarían os barcos chineses a substituir os galegos". Para alén disto, nestes dous últimos anos "houbo moi boas capturas, de bo tamaño e cun bo prezo".

"Pinochos"

Os voceiros dos mariñeiros afectados por esta situación exixen a Xunta e a Madrid que defendan en Bruxelas os intereses da frota galega. "O 24 e 25 hai unha reunión do consello de ministros da UE en que hai que ratificar o tratado que nos expulsa de Mauritania. Veremos cal é o papel dos nosos políticos".

Mais semella que, en principio, a confianza non é moita: "En vez de representantes, temos pinochos", afirma con retranca Xabier Aboi, que lamenta o papel que están a xogar os representantes ante Bruxelas. "Isto podería arranxarse se hai vontade política".

 Afectados

Por volta de 20 buques galegos resultaron prexudicados co acordo asinado pola Unión Europea con Mauritania. Tras anos faenando nesas augas, a frota cefalopodeira galega ten que abandoar o caladoiro "para ser substituída pola China".

Esa decisión xa provocou importantes mobilizacións, como a desenvolvida en Marín hai uns 15 días e en que 2.000 persoas reclamaron nas rúas desta vila un novo acordo entre a Unión Europea e Mauritania que permita o regreso da frota cefalopodeira galega ao caladoiro do país magrebí.

Comentarios