A inflación desacelera o ritmo de subida mais os prezos seguen medrando mes a mes, sobre todo os alimentos

Os produtos alimentarios rexistran a maior repunta de prezos de toda a serie histórica: o seu prezo incrementouse en até 15,4% no pasado mes de outubro.
Queixo, leite, ovos, carne e legumes son os produtos cuxos prezos subiron máis en outubro. (Foto: Natallia)

#ipc #inflación #prezos #alimentos #alimento #alimentación #carne #ovos #leite #queixo
photo_camera Queixo, leite, ovos, carne e legumes son os produtos cuxos prezos subiron máis en outubro xunto ao azucre. (Foto: Natallia)

O índice de prezos de consumo (IPC) aumentou tres décimas en outubro en relación ao mes anterior e recortou de golpe a súa taxa interanual 1,6 puntos, até 7,3%, a súa cifra máis baixa desde xaneiro, cando o IPC ficou en 6,1%, segundo os datos definitivos publicados esta terza feira polo Instituto Nacional de Estatística (INE).

Deste modo, consolida o dato interanual de 7,3% que avanzou a finais do mes pasado, mentres na Galiza o dato definitivo é superior ao da media estatal, con 7,8% en outubro na comparativa interanual. O INE, por outra parte, recortou unha décima, desde 0,4% a 0,3%, o avance mensual do IPC estimado inicialmente, mais isto significa igualmente que a inflación segue a medrar en termos mensuais.

Os alimentos, disparados

Segundo o INE, a moderación do IPC interanual até 7,3% en outubro débese, principalmente, á baixada dos prezos da electricidade e, en menor medida, ao abaratamento do gas. Tamén influíu na moderación da inflación o feito de que os prezos de vestido e calzado, pola nova tempada outono-inverno, subiron menos en outubro deste ano do que o fixeron no mesmo mes de 2021.

Porén, no extremo contrario, en outubro subiron, máis unha vez, os prezos dos alimentos. A súa taxa avanzou un punto en comparación con setembro, até 15,4%, a máis alta desde o comezo da serie, en xaneiro de 1994. Destaca, especialmente, o encarecemento dos legumes e hortalizas, a carne, o leite, o queixo e os ovos.

Dentro dos alimentos, os que máis subiron de prezo no último ano son o azucre (+42,8%); os legumes e hortalizas frescas (+25,7%); os ovos (+25,5%), o leite (+25%); os aceites e graxas (+23,9%), e os cereais (+22,1%).

Sen ter en conta a rebaixa do imposto especial sobre a electricidade e as variacións sobre outros impostos, o IPC interanual alcanzou en outubro o 7,7%, catro décimas por riba da taxa xeral de 7,3%. Así o reflicte o IPC a impostos constantes que o INE tamén publica no marco desta estatística.

A inflación escala alén da enerxía

En termos mensuais —outubro sobre setembro—, o IPC rexistrou unha repunta de tres décimas. A inflación subxacente —sen alimentos non elaborados nin produtos enerxéticos— mantívose en outubro en 6,2%, co que se sitúa 1,1 puntos por baixo da taxa do IPC xeral.

O dato da inflación subxacente, xa case parella á inflación global, tradúcese nun permanente encarecemento do custo da vida que torna en estrutural e exclúe os efectos da guerra en Ucraína no que atinxe aos elevados prezos da enerxía, dado que estes non se teñen en conta neste indicador estatístico. Os prezos soben a nivel xeral, pois, con independencia de que a enerxía baixe.

Cómpre salientar, aliás, que o IPC leva xa máis dun ano de importante crecemento, polo que cada mes, debido a esa constante escalada experimentada nos últimos meses, o efecto na comparativa interanual semella inferior malia que, en termos mensuais, en outubro subiu a inflación de novo en relación a novembro. É dicir, que con estes datos a inflación desacelera o ritmo de suba, mais os prezos seguen a medrar mes a mes.

Por outra parte, no décimo mes de 2022, o índice de prezos de consumo harmonizado (IPCH) situou a súa taxa interanual en 7,3%, máis dun punto e medio inferior á rexistrada no mes anterior. Pola súa parte, a variación mensual do IPCH rexistra un ascenso dunha décima.

Comentarios