As previsións económicas mundiais melloran mentres as da zona euro empeoran

O FMI revisa á alza o PIB da China e dos EUA.
A directora xerente do Fondo Monetario Internacional, Kristalina Georgieva (Foto: Britta Pedersen / DPA).
photo_camera A directora xerente do Fondo Monetario Internacional, Kristalina Georgieva (Foto: Britta Pedersen / DPA).

A moderación da inflación e unha resiliencia maior da esperada do crecemento económico despexan o terreo para que se produza unha "aterraxe suave" da economía mundial, segundo o Fondo Monetario Internacional (FMI), que revisou esta terza feira en dúas décimas porcentuais á alza a súa previsión de crecemento global para 2024, até 3,1%.

O FMI proxecta que o crecemento mundial, que se estima que ficou en 3,1% en 2023, manterase nesta taxa en 2024, para despois aumentar lixeiramente até 3,2% en 2025, unha mellora esta última de dúas décimas porcentuais respecto do prognóstico de outubro, como consecuencia das revisións á alza na China e nos Estados Unidos.

En concreto, as novas previsións do Fondo Monetario Internacional sitúan o crecemento da China en 4,6% para 2024 e en 4,1% para 2025. Pola súa parte, a economía dos Estados Unidos de América medraría 2,1% en 2024 e 1,7% en 2025.

Porén, este comportamento positivo das dúas superpotencias contraponse coas predicións para a zona euro, cun crecemento esperado que alcanzará 0,9% en 2024 e 1,7% en 2025. Ao comparar co prognóstico do pasado outubro, o crecemento para 2024 revísase á baixa en 0,3 puntos porcentuais.

Estancamento da eurozona

O produto interior bruto (PIB) da zona euro evitou finalmente a entrada en recesión técnica, que implica dous trimestres consecutivos de caída da actividade, despois de que no cuarto trimestre a economía se estancara, tras a contracción de 0,1% do terceiro trimestre, segundo o dato publicado por Eurostat.

No conxunto da Unión Europea (UE), a actividade tamén se paralizou no cuarto trimestre, despois da contracción de 0,1% do terceiro trimestre. Deste modo, segundo unha primeira estimación, o PIB da zona euro e da UE aumentou 0,5% no ano 2023.

Rebaixa do Euribor

Ademais, o Euribor, o índice de referencia para as hipotecas na Galiza, fechará xaneiro na contorna de 3,61% tras tres rebaixas consecutivas, aínda que as persoas que revisen o seu préstamo co dato deste mes sufrirán unha alza na súa cota hipotecaria.

Comentarios