O Senado debate a repartición dos fondos europeos ás comunidades

A vicepresidenta primeira do Goberno e ministra de Asuntos Económicos, Nadia Calviño, aborda nesta quinta feira a repartición dos fondos europeos xunto aos Executivos autonómicos e os grupos do Senado na Comisión Xeral das Comunidades Autónomas
A ministra Nadia Calviño (Foto: Alberto Ortega / Europa Press).
photo_camera A ministra Nadia Calviño (Foto: Alberto Ortega / Europa Press).

A vicepresidenta do Executivo estatal, Nadia Calviño, comezou coa súa exposición esta quinta feira na Comisión Xeral das Comunidades Autónomas (CCAA), que é o único grupo de traballo das Cortes en que poden debater publicamente o Goberno, as CCAA e os grupos parlamentarios que teñen representación.

O Goberno de Pedro Sánchez decidiu reactivar esta Comisión Xeral das Comunidades Autónomas o pasado mes de febreiro, cando a propia Calviño trasladou ao portavoz do PSOE neste grupo de traballo, Juan Espadas, a súa intención de comparecer a conta propia para abordar a repartición dos fondos europeos perante algúns territorios.

Desde o grupo do Partido Popular na cámara alta pedían que fose o xefe do Executivo, Pedro Sánchez, e non Calviño, o que comparecese neste foro para así fomentar a participación de máis presidentes autonómicos, algo que finalmente non acabou acontecendo. De feito, ningún presidente autonómico comunicou ao Senado a súa intención de acudir a esta comisión xeral das Comunidades Autónomas.

Repartición dos fondos

De acordo cos últimos datos dados a coñecer sobre o despregamento de Plan de Recuperación, o Estado asignara (até o 15 de marzo) un total de 12.442 millóns de euros sendo Andalucía (2.113 millóns), Catalunya (1,754 millóns) e a Comunidade de Madrid (1.314 millóns) os territorios que máis fondos percibiron. Á Galiza fóronlle outorgados 759 millóns (en conxunto cos fondos xa recibidos no ano 2021). 

A comezos de 2022, Nós Diario informaba de que, até aquel entón, a Galiza recibira 681 millóns de euros (253 euros por habitante) o que situaba o país como o décimo territorio en termos de recepción de fondos europeos entre as 19 comunidades do Estado.

Este décimo posto que ocupaba a Galiza nesa repartición dos fondos por habitante é inferior á posición do país na achega ao Produto Interior Bruto (PIB) do conxunto do Estado, onde Galiza é sexta; ou o seu peso poboacional, onde é quinta.

Esta repartición creou tensións entre os Gobernos galego e español, Núñez Feixoo chegara a ameazar con "acudir á vía xudicial". "O importante é mandar unha mensaxe de que os fondos non se poden repartir de forma discrecional", esgrimía Feixoo, ao que a vicepresidenta terceira do Goberno de Pedro Sánchez, Teresa Ribera respondía dicindo que se trataba dun "malentendido".

Dese modo argumentaba que a distribución dos fondos europeos se fixera "con criterios compartidos polas Comunidades e sen ningún problema".

Sexa como for, para o debate de hoxe sobre a nova repartición, o Executivo xa anunciou que estará ligada ao cumprimento dalgúns dos fitos de maior transcendencia, como é a aprobación definitiva da reforma laboral.

Comentarios