O regalo de Feixoo ás rendas altas galegas

As fortunas galegas aforrarán en 2019 por volta de 18 millóns de euros, unha cantidade que tería que ir para a facenda galega mais que continuará no peto das rendas máis altas. É a consecuencia da decisión do goberno do PP de rebaixar en 20% o Imposto do Patrimonio, ese que na Galiza pagan 7.700 persoas que acumulan unha fortuna de 40.000 millóns de euros. Eis un extracto da reportaxe publicada ao respeito no número 324 de Sermos Galiza.

foto_Homeaway-rico

En 2013 a daquela conselleira de Facenda, Elena Muñoz, negábase a subir os impostos ás rendas máis altas alegando que esa medida apenas tería impacto nas arcas galegas: cinco millóns de euros, cifraba. Iso si, a política fiscal do goberno de Feixoo teimaba en aplicar copagamentos e subir diversas taxas, aumentos que repercutían no peto da cidadanía. Houbo críticas e protestos por esa ‘dupla vara’ e a Xunta optou por subir en 20% o Imposto de Patrimonio, que pagan os máis ricos, para garantir así ingresos en plena recesión económica. Esa suba xa ten data de caducidade e en 2019 ese gravame ás fortunas rebaixarase 20%. Para as forzas de oposición e para economistas como Maribel Otero, a decisión, “política”, é un “agasallo para as rendas altas”.

As rebaixas fiscais prometidas polo goberno galego para 2019 van implicar que as rendas máis altas de Galiza aforren por volta de 18 millóns de euros en impostos. “Até 160.000 euros a rebaixa é de 0,06% mais nun patrimonio de máis de 10 millóns de euros pasa a ser de 0,53%”.

3Isto que consecuencias ten? Pois que canto máis rico é o contribuínte na Galiza máis vai aforrar de pagar en impostos. Así, até 160.000 euros o aforro non pasa de 60 euros. Mais se imos a tres millóns de euros o aforro anual abeira  os seis mil euros anuais; se a renda é de máis de 6 millóns de euros o aforro anda nos 16.000 euros ; e de ser de máis de 10 millóns, serían 40.000 euros ao ano os que zafaría de pagar.

En definitiva, e tendo en conta os tramos de rendas altas na Galiza, as fortunas deixarían de pagar uns 18 millóns de euros. O equivalente, como exemplificou Luís Villares, portavoz de En Marea, a máis de 3.700 rendas de integración social (Risga).


 

[Podes ler a reportaxe íntegra no número 324 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]

Comentarios