Os polígonos galegos soben ao tren

A Plisan ou San Cibrao pretenden incluír o transporte por tren na súa oferta loxística. A transición ecolóxica chega tamén ao sector do transporte de mercadorías. Bruxelas quere un maior protagonismo do tren na loxística comercial. Galiza vai integrar os seus grandes portos á rede europea de transportes, mais o Adif ten xa en marcha un plan para levalo tamén o aos grandes polígonos. 

Un tren de mercadorías chega á estación de San Diego da Coruña, que dá servizo ás instalacións do porto interior. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Un tren de mercadorías chega á estación de San Diego da Coruña, que dá servizo ás instalacións do porto interior. (Foto: Nós Diario)

Após décadas de dependencia do transporte por estrada, os polígonos galegos comezan a subir ao tren. O transporte de mercadorías por estrada é un dos sectores que máis contribúen ao cambio climático na Unión Europea. Por iso Bruxelas quere ir desprazando a loxística comercial cara medios máis respectuosos co medio ambiente, como é o caso do ferrocarril. 

Porén, na Galiza sempre se primou o camión como medio de transporte por excelencia, aínda que nos últimos anos a suba dos carburantes e as alzas nas peaxes, nomeadamente nas da AP-9, a autoestrada que vertebra o país de norte a sur,puñan en risco a súa competitividade.

Á calor dos fondos europeos, o Administrador de Infraestruturas Ferroviarias (Adif) ten previsto investir centos de millóns de euros para conectar os principais nodos loxísticos da Galiza por tren.

As primeiras infraestruturas beneficiadas por esta política son os grandes portos galegos. Ferrol ten moi avanzada a súa conexión ferroviaria co porto exterior de Caneliñas, o que permitirá mover por vía férrea o crecente número de contedores que chegan a esta terminal, así como outras materias como a madeira ou o metal.

A conexión ferroviaria ao porto exterior da Coruña está pendente de licitación, igual que a saída sur de Vigo, que contempla un ramal á terminal de Bouzas, rexeitado desde o Concello vigués por non consideralo necesario.

Movemento nos polígonos

Pero onde máis movemento está a haber nos últimos meses é nos polígonos industriais, que buscan ampliar a súa oferta loxística co tren. De feito, algúns xa están a preparar apeadoiros, mentres que Adif adecúa as infraestruturas xa existentes ás novas posibilidades, pois Bruxelas autoriza xa a circulación de trens de mercadorías de até 750 metros.

No caso dos polígonos da Coruña, dita oferta vai quedar supeditada á conexión co porto exterior de Punta Langosteira. Dada a súa proximidade, os de Sabón (con Inditex como principal referente) e o de Morás, chamado a ser o máis grande da Galiza, terán como referencia os cargadoiros de Langosteira, mentres que o veciño polígono de Vio, que linda co de Pocomaco, podería contar nun futuro cun apeadeiro, xa que o ferrocarril pasa a rentes desta plataforma empresarial na que, polo momento, só hai instalada unha firma industrial. Tamén podería empregarse a infraestrutura en desuso existente en Pocomaco.

No sur do país, ademais do mencionado ramal a Bouzas a Plataforma Loxística Salvaterra-As Neves (Plisan) aspira tamén a ter conexión co tren. Agora que, despois de anos sen actividade, comezan a instalarse empresas neste parque industrial promovido polo Consorcio da Zona Franca de Vigo, o Porto de Vigo ultima o proxecto para levantar un apartadoiro para a operativo intermodal con contedores, graneis e automóbiles que requirirá un investimento de 30,2 milóns de euros.

Ourense-Monforte-Lugo

Unha das actuacións máis importantes do Adif é a mellora da conexión entre Lugo e Ourense para a súa incorporación no Corredor Atlántico de Mercadorías. En total, o ente ferroviario ten previsto investir 546,4 millóns de euros en actuacións como a electrificación, renovación da infraestrutura e vía, a implantación de novas instalacións de seguridade, control de tráfico e telecomunicacións ou a construción do novo túnel de Oural. 

Entre eses investimentos tamén figura unha actuación que afecta de cheo aos polígonos industriais. Trátase da ampliación de dúas vías de apartado (Monforte Porto Seco e Os Peares), para que poidan circular por elas trens de 750 metros.

Esta adecuación das vías ás esixencias comunitarias tamén afectará a outras estacións do país como Barbantes, Filgueira, As Gándaras e Vigo-Guixar, que teñen os seus proxectos en fase de redacción. A ampliación das vías de apartado traerá consigo, en todos os casos, os correspondentes cambios nos sistemas de electrificación, control de tráfico e sinalización.

Por último, en Ourense, son os empresarios e as empresarias do polígono de San Cibrao das Viñas as que proxectan unha terminal ferroviaria. A devandita terminal de mercadorías, que tamén daría servizo aos numerosos polígonos e parques empresariais que hai na contorna, serviría tamén de base de reforzo para a liña de ancho ibérico Ourense-Zamora que, unha vez que quede liberada das circulacións dos Alvia Madrid-Galiza, únicos trens de viaxeiros que circulan por ela, quedará como principal arteria ferroviaria para o movemento de mercadorías cara o centro e sur da Península Ibérica.

O transporte por tren é testemuñal

Na actualidade, o transporte de mercadorías con orixe ou destino na Galiza por tren é practicamente testemuñal, xa que non chega nin a 5% do total de bens transportados. Nos últimos anos, coa caída da actividade nas centrais térmicas de As Pontes e Meirama a situación agravouse aínda máis. Segundo os datos do Ministerio de Transportes correspondentes a 2019, na Galiza rexistráronse 7.825 circulacións de trens de mercadorías fronte as 13,729 de 2015, o que supón unha diminución de 43% en tan só cinco anos. Porén, a situación pode variar coa inclusión da rede galega no Corredor Atlántico de transporte.

Comentarios