O persoal de Stellantis en Vigo critica a Dirección pola xestión dos paros na planta

Os traballadores de Stellantis en Vigo critican á empresa por pedir "comprensión" e logo non respetar o persoal
Liña de montaxe da furgoneta Opel Combo, na planta que o grupo Stellantis ten en Balaídos (Vigo), afectada polos paros (Foto: Stellantis).
photo_camera Liña de montaxe da furgoneta Opel Combo, na planta que o grupo Stellantis ten en Balaídos (Vigo), afectada polos paros (Foto: Stellantis).

A crise dos microchips segue a causar estragos na planta viguesa do grupo Stellantis (antiga PSA). Onte houbo un novo paro e hoxe tamén está previsto que os problemas de subministración afecten as tres quendas. O problema é que os traballadores e traballadoras van coñecendo a situación día a día e onte non sabían se a fin de semana habería traballo na factoría de Balaídos.

Vitor Manuel Mariño, secretario da sección sindical da CUT, recoñece que a situación tamén semella "complicada" para a semana que vén. "Unha das quendas parou xa 43 veces e outra trinta e pico. Case suman entre as dúas 60 días", analiza.

"Entendemos que a falla de semicondutores afecta a todos os construtores, mais no noso caso o sistema just in time, que elimina os almacéns intermedios, tamén trae estas consecuencias", advirte, e por iso piden á Dirección "que asuma parte desa responsabilidade".

En concreto, Mariño exixe que poñan sobre a mesa "políticas sociais reais", xa que dentro do ERTE presentado pola empresa, as persoas con contratos a tempo parcial "quedaron á marxe".

Como explica a Nós Diario o responsábel da CUT, este colectivo representa máis da metade do cadro de persoal e "cando non hai traballo, non cobran".

Falla de previsión

No caso das persoas con xornada completa isto non acontece, pois teñen un exceso de horas a favor da empresa do que a multinacional está a tirar para cubrir parte dos paros programados. Mais non é unha situación ideal, xa que as compensacións que reciben polos paros aplícanse unicamente sobre o salario e non sobre os complementos.

Aínda que o que máis lles molesta ás traballadoras e traballadores é o feito de ter que estar pendentes do teléfono cando non teñen responsabilidade laboral ningunha para saber se ao día seguinte terán que traballar. A empresa habilitou unha liña 900 na que poden recibir esta información.

A isto hai que engadir o feito de que a falla de previsión impide ao persoal conciliar a súa vida persoal e laboral, xa que, como denuncia Vitor Manuel Mariño, os días de exceso de xornada están supeditados ao que decida a empresa.

Pola súa banda, Manuel Domínguez, da CIG, sinala que "non se pode exixir baixo ningún concepto que esteamos pendentes do teléfono, porque entón tería que asumir os custos dese día a propia dirección, por estar dispoñíbel. En todo caso é a empresa a que se ten que responsabilizar de avisar, xa que foi ela a que decidiu asumir este rol de incerteza en toda Galiza".

Neste senso, apunta que as empresas auxiliares tamén están a padecer este modo de proceder e pide ás administracións públicas que "collan nota" porque "está claro que Citroën non pode facer o que lle pete e cando lle pete", e máis cunha sentenza do TSXG a unha denuncia da CIG na que obrigan a empresa a avisar con cinco días de antelación, recorrida, iso si, pola empresa ante o Supremo.

O responsábel sindical afirma que "non hai cualificativos" para  describir o que a dirección está a facer co persoal do centro e das auxiliares, e conclúe que o que ten que facer a empresa é "respectar a lexislación".

Até xuño e máis alá

Aínda sen saber o que vai acontecer no seu futuro máis inmediato, os traballadores e traballadoras de Stellantis en Vigo falan de "rumores" que apuntan a que os paros poden estenderse até xuño. Con todo, os responsábeis da CIG e da CUT cren que tamén vai ser un mes "complicado". De feito, onte a empresa anunciou a paralización da produción "até novo aviso"

Neste senso, critican que a empresa pida "comprensión" ao cadro de persoal cando a dirección "non cavila no que vai acontecer coas persoas que teñan unha importante perda de ingresos a fin de mes. Pide comprensión pero non hai comprensión para o persoal", lamentan.

E todo isto co silencio cómplice dos sindicatos que asinaron o ERTE (CCOO e UXT), que nin se pronunciaron sobre a sentenza do TSXG nin da discriminación dos traballadores con contratos temporais. "Lamentamos que non sexan capaces de ver máis alá", indican.

Comentarios