CONTRA OS RECORTES

Persoal dos centros de Traballo e Benestar e do Consorcio apupa á conselleira Mato

Esixen o mantemento dos empregos e das condicións laborais e garantías do carácter público dos servizos

Mato á saída da Casa do Concello de Oleiros
photo_camera Mato á saída da Casa do Concello de Oleiros

Traballadores e traballadoras dos centros dependentes da Consellería de Traballo e Benestar e do Consorcio Galego de Igualdade e Benestar recibiron esta mañá cunha sonora pitada á titular do departamento autonómico, Beatriz Mato, á súa chegada ao Concello de Oleiros. A protesta enmárcase no calendario de mobilizacións que a central sindical vén realizando en defensa dos servizos públicos, dos empregos e dunhas condicións laborais dignas para o conxunto do persoal destes centros.

Con esta protesta, convocada pola CIG, o persoal quere denunciar unha vez máis o progresivo desmantelamento e privatización das residencias, escolas infantís, centros de educación especial, de maiores, etc, que a Consellaría está a levar a cabo baixo a escusa do aforro e unha falsa austeridade. Así mesmo, volveuse denunciar a precarización das condicións laborais e o despedimento e amortización de centos de postos de traballo nestes servizos públicos, que ven mermada a súa calidade.

Ao berro de “Traballo e Benestar causa paro e malestar” ou “A Xunta de Galiza recorta e privatiza”, os traballadores/as recibiron e despediron a Beatriz Mato ás portas da Casa Concello de Oleiros, a onde a conselleira se trasladou para manter unha xuntanza co alcalde e facer unha visita a varias dependencias educativas e sociais.

Comentarios