INDUSTRIA

Pemex lembra que non hai nada acordado coa Xunta para os asteleiros galegos

A petroleira mexicana afirma que non hai nin datas nin acordos concretos para o sector naval galego
Asteleiro na Galiza
photo_camera Asteleiro na Galiza

Feijóo voltou de México, onde formou parte do séquito de Rajoy, coa boa nova de que en contactos de “alto nivel” xa se tiña chegado a un principio de acordo coa potente Pemex (Petróleos Mexicanos), cuxas vendas superan os 100.000 millóns de dólares anuais, para que buques da súa flota menor se construísen en asteleiros da Galiza. Desde aquela, foise acrecentando a ilusión sobre a posíbel solución á falta de carga de traballo das factorías navais de Vigo e Ferrol. As sereas dos asteleiros volverían bruar con forza chamando ao traballo. A noticia de que Pemex ía abrir no verán un concurso público para a construción de 21 buques de apoio á actividade petrolífera semellaba confirmar que as pezas do puzzle estaban a cadrar en beneficio dos asteleiros galegos.

Mais os necesarios protagonistas da “salvación Feijoniana”, que mantiveron un prudente silencio ao longo destes días, falaron esta semana a través dun alto cargo en declaracións a diversos medios. Pemex recoñece que, certamente, mantiveron contactos coa Xunta mais que non se concretou ningún acordo nin tampouco se manexaron datas ou prazos para que algún dos buques que pretenden construír se faga na Galiza. O que en termos diplomáticos se coñece como unha mera “declaración de intencións”. A empresa sinala que o procedemento normal para a construción deste tipo de buques é un concurso ao que se presenten ofertas de asteleiros de diferentes puntos do planeta.

 Alén diso, o cargo de Pemex apuntou que de existir algún compromiso desta empresa cun sector naval, sería co mexicano, que está en pleno proceso de reconfiguración e relanzamento. Xa que logo, todas estas “aclaracións” desde Pemex supoñen a outra cara da moeda da visión que defende a Xunta. Onde o goberno galego publicita un principio de acordo como primeiro chanzo de cara á unha aposta definida de Pemex por construír buques na Galiza, a propia petroleira mexicana reduce o acontecido a conversas e contactos que non callaron en compromisos maiores. Cómpre lembrar que o anuncio feito no seu momento por Feijóo ao voltar de México foi acollido polo sindicalismo, nomadamente a CIG, con desconfianza. A propia central nacionalista lembroulle ao presidente da Xunta que o naval non pode acceder a contratos en México até que non conte cun novo sistema de bonificación fiscal. E que o propio comisario europeo da Competencia recoñeceu, a preguntas do BNG, que aínda non existe unha proposta de “tax lease” por parte do Estado español. Por iso, a CIG-Metal solicítoulle aos responsábeis autonómicos “que deixen de mentir e enmarcando este tipo de declaracións nun intento por desmobilizar ao sector”.

Comentarios