Medio Ambiente declara "viábel" o parque eólico Monte do Cordal, un dos proxectos de Greenalia en Friol

Máis dunha vintena de parques eólicos recibiron o visto bo a nivel ambiental no que vai de ano.
Aeroxerador de Greenalia, nunha imaxe de arquivo. (Foto: Greenalia)
photo_camera Aeroxerador de Greenalia, nunha imaxe de arquivo. (Foto: Greenalia)

Entre xaneiro e novembro do presente ano o departamento de Medio Ambiente da Xunta da Galiza deu luz verde a un total de 25 proxectos eólicos perante a formulación de senllas declaracións de impacto ambiental (DIA) con resultado positivo. Monte do Cordal é o último en sumarse a esta listaxe.

Esta iniciativa, promovida por Greenalia no termo municipal de Friol, aparece recollida esta segunda feira no Diario Oficial da Galiza (DOG) informando dunha resolución da dirección xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático asinada o pasado 22 de novembro que conclúe que o proxecto é "ambientalmente viábel".

O parque eólico Monte do Cordal constaría de dous aeroxeradores que sumarían unha potencia total instalada de 13,2 megawatts (MW) e tería un orzamento de máis de 10,6 millóns de euros. Os muíños ficarían dentro da Reserva da Biosfera das Terras do Miño, na denominada 'zona tampón' deste espazo protexido.

Na contorna na que se implantarían estas infraestruturas constatouse, segundo a propia DIA, a presenza de diferentes especies consideradas como "vulnerábeis" no Catálogo Galego de Especies Ameazadas, como o Circus pygargus ou a Chioglossa lusitanica, e mesmo "en perigo de extinción", como é o caso do Milvus milvus e o Gallinago gallinago.

Monte do Cordal, porén, é só un dos sete piares sobre os que Greenalia prevé sustentar a liña de alta tensión Gato-Mesón, que conectaría este parque e mais os denominados Gato, Felga, Friol, Pena Ombra, Pena da Cabra e Penas Boas.

Os dous primeiros, proxectados na contorna do Monte do Gato, obtiveron en datas recentes a DIA favorábel, mentres os restantes avanzan na tramitación en diferentes fases. En total, estes sete proxectos sumarían unha potencia instalada superior aos 160 MW no caso de se aprobaren definitivamente.

De feito, son seis os parques eólicos que prevén erguer nestes terreos as compañías enerxéticas galegas Greenalia e Galenergy, que reunirían en conxunto unha corentena de muíños entre Aranga, Coirós e Oza-Cesuras.

Comentarios