O Parlamento insta a Xunta a actuar en Vestas

A Comisión 6ª de Industria, Enerxía e Comercio aproba pedir ao Goberno galego que actue no caso da multinacional danesa  O PP, porén, veta facer un plan de reindustrialización.
Concentración de persoal de Vestas diante do Parlamento (Europa Press).
photo_camera Concentración de persoal de Vestas diante do Parlamento (Foto: Europa Press).

Traballadoras e traballadores de Vestas en Viveiro desprazáronse esta cuarta feira até o Parlamento galego para asistir ao debate de varias mocións relacionadas coa súa situación convidados polo BNG. Aproveitaron a ocasión para manifestarse diante ás portas da institución para exixir unha solución que permita o mantemento dos 115 empregos actuais cos que conta a factoría. 

No interior da Cámara, o PP permitiu cos seus votos que prosperaran dúas iniciativas presentadas polos grupos da oposición, BNG e PSdeG, en apoio ao persoal de Vestas, aínda que usou a súa maioría absoluta para tombar os puntos desas mesmas proposicións que reclamaban a articulación desde o Goberno galego dun plan de reindustrialización para a comarca da Mariña. 

Sen compromiso para a Xunta

As iniciativas debatéronse na Comisión 6ª de Industria,  Enerxía e Comercio.

Alí, os tres  grupos parlamentarios aprobaron por unanimidade dous puntos das proposicións non de lei defendidas por nacionalistas e socialistas que camiñan na mesma dirección: expresar o compromiso da Cámara autonómica co persol afectado polo feche da factoría de Vestas en Chavín e apelar a que leven a cabo as medidas necesarias para garantir o mantemento dos postos de traballo.

Ambas as resolucións saíron adiante grazas ao apoio do grupo maioritario, o PPdeG, mais sen os apartados das proposicións non de lei nas que PSOE e BNG coincidían en reclamar a articulación dun plan de reindustrialización para A Mariña.

Isto motivou que os grupos se cruzaran reproches sobre a responsabilidade ao redor da intención da multinacional danesa Vestas de fechar a súa fábrica en Viveiro.

Protestas do persoal de Vestas

Mentres os grupos debatían as iniciativas na comisión, ducias de traballadoras e traballadores concentrábanse ás portas da sede do Parlamento galego.

Fronte á entrada principal do edificio lexislativo e encabezados por unha pancarta co lema 'Vestas solución', as e os empregados da factoría viveirense berraron cánticos como 'Feixoo non te escondas', 'Sen industria non hai futuro' ou 'Socialistas,  peperos; igual de  embusteros'.

Comentarios