Vestas rexeita as axudas e insiste en fechar Viveiro

O Goberno español e a Xunta ofreceron Vestas préstamos con carencia e interese moi baixo e axudas públicas a fondo perdido que a empresa danesa rexeitou.
Reunión da mesa industrial de Vestas o pasado 13 de outubro (Foto: Conchi Paz)
photo_camera Reunión da mesa industrial de Vestas esta cuarta feira (Foto: Conchi Paz)

Vestas vai camiño de executar os seus plans sen ter en consideración ningunha das propostas que esta cuarta feira se lle puxeron sobre a mesa. A compañía danesa mesmo rexeitou as axudas ofrecidas pola Xunta e o Goberno estatal para impulsar un plan de reindustrialización da súa planta de Viveiro e evitar así o despedimento das 115 persoas que nela traballan. 

Porén, Vestas decidiu non variar os seus plans e seguir adiante cun ERE extintivo para o cadro de persoal para cuxa execución queda cada vez menos tempo ─o período de negociación remata o vindeiro 28 de outubro─.

A empresa tampouco accedeu a parar o reloxo para que o tempo deixase de correr, polo que esa é a data límite da que dispoñen o comité e as administracións para atopar un posíbel comprador que garanta a continuidade da actividade industrial na Mariña.

De feito, se na mesa industrial da pasada semana os traballadores e a Xunta valoraron como "moi positiva" a busca dunha alternativa para a fábrica, as sensacións cambiaron por completo tras a reunión desta cuarta feira, que tivo lugar en Compostela.

En declaracións aos medios após dúas horas de reunión, o presidente do comité de Vestas en Chavín (Viveiro), David Mariño, afirmou que "a empresa non está disposta a achegar ningún plan industrial para o mantemento dos postos de traballo", algo que "deixou aclarado de maneira supostamente definitiva" esta cuarta feira. 

"Non parece estar interesada nas axudas no ámbito económico por parte da administración, nin da Xunta nin do Goberno, que se ofreceron claramente a facer todo o necesario para facer viábel un plan industrial", lamentou Mariño, que acusa Vestas de "dinamitar" a mesa.

Dando guerra

Os traballadores, pola súa banda, van seguir " dando guerra", como fixeron diante da Escola Galega de Administración Pública (EGAP) ─lugar da reunión da mesa─ desde as 13.30 horas. Alí concentráronse, fixeron soar as súas bucinas, lanzaron petardos ao berro de "Vestas, solución".

A posíbel solución está agora en mans da Xunta, que comprometeuse a buscar un comprador 'in extremis', pero para iso precisa da colaboración de Vestas, que non é "proactiva".

Comentarios