Parálise nas negociacións con Alcoa

O proceso de negociación para a venda da factoría de Alcoa en San Cibrao (Cervo) á SEPI están en punto morto. A multinacional norteamericana asegura que hai máis compradores e Industria prefire rematar con Liberty. Desde a CIG urxen a asegurar o paso desta factoría de aluminio da Mariña a mans públicas.
Un traballador de Alcoa diante a Casa do Concello de Burela antes do inicio dunha marcha o pasado 22 de outubro (Carlos Castro / Europa Press / Arquivo).
photo_camera Un traballador de Alcoa diante a Casa do Concello de Burela antes do inicio dunha marcha o pasado 22 de outubro (Carlos Castro / Europa Press / Arquivo).

A mesa sobre o proceso de venda de Alcoa en Cervo  reuniuse esta terza feira, 6 de baril, de maneira telemática convocada polo Ministerio de Industria e coa participación exclusiva da representación sindical e a Xunta. Na xuntanza, o secretario xeral de Industria e da Pequena e Mediana Empresa (PEME), Raúl Blanco, informou de que o proceso estivo parado este tempo após coñecerse os problemas financeiros no Reino Unido de Liberty, a empresa que amosou o seu interese en facerse coa factoría de San Cibrao, en Cervo. 

Este estancamento prodúcese cando está a piques de rematar o prazo fixado para negociar a venda da fábrica que se deron desde a Sociedade Estatal de Participacións Industriais (SEPI) e Alcoa que sería o día 30 de abril. Por esta razón Blanco anunciou que esta mesma semana, sen concretar data, o seu departamento mantería unha reunión coa multinacional do magnate de orixe india Sanjeev Gupta para confirmar a súa estabilidade financeira e o interese pola compra. A seguinte reunión con Alcoa sería para o día 22 de abril, unha vez constatada a continuidade da operación con Liberty House. 

Alcoa  e as novas propostas de compra 

Desde Industria comunicaron na xuntanza que Alcoa redireccionou á SEPI varias manifestación de intereses na compra por parte de empresas española, fondos, conglomerados do sector do aluminio. Desde a parte sindical, UXT e CCOO apostaron para que se reactivara canto antes a negociación de compra con Liberty. Constantino Arias, delegado sindical de UXT, explica a Nós Diario que esta multinacional é "a opción máis viábel" e "a mellor baza" para o futura da factoría de Cervo.

Por esta razón opina que aínda que se fale "doutros compradores que pon enriba da mesa Alcoa mais sen que remate este proceso con Liberty esa opción non deberiamos tocala". Entende que o proceso estea parado "polas informacións que chegan sobre Liberty, aínda que a multinacional di que conta cos avais e a situación no Reino Unido non afectou ao seu sector do aluminio". 

Desde a CIG o seu secretario xeral, Paulo Carril, cre que os movementos de Alcoa buscan "gañar tempo" na espera de que poida prosperar o recurso xudicial contra a sentenza que anulou o expediente de regulación de emprego (ERE) e retomar así os seus plans iniciais de parada das cubas, despedimentos masivos e feche. Carril alertou que mentres goberno e empresa enredan, as instalacións continúan deteriorándose pola falta de mantemento e investimentos, pérdese posicionamento no mercado xa que a planta non está totalmente operativas e pérdense tamén postos de traballo. 

Axilizar a venda á SEPI

"A SEPI ten que avanzar na compra aínda que o comprador non sexa Liberty coa tranquilidade de que sexa ela a nova propietaria. Hai que consumar feitos e realidades", asegura a Nós Diario o responsábel da central nacionalista, "non debe escapar de dar os pasos que dependen deles", engade en referencia ao Ministerio de Industria. Carril insiste na necesidade e a obriga da SEPI a acelerar o proceso de compra para que a factoría estea en mans públicas antes do 30 de abril.

Considera indispensábel que a fábrica de aluminio da Mariña quede baixo control público antes de rematar o prazo de negociacións estabelecido "aínda que o comprador final non sexa Liberty House" pois só así, asegura, "se poderá abordar a busca dunha nova propiedade coa tranquilidade e a seguridade de manter a produción e os empregos". En todo caso rexeita que se prorrogue a negociación máis alá da data sinalada por ser "unha ampliación sen máis avance un suicidio polo deterioro das instalacións e a perda de poder da empresa no mercado”.

Polo seu lado, o vicepresidente económico e conselleiro de Economía da Xunta da Galiza, Francisco Conde, admite que o encontro concluíu "sen avances", polo que pide á empresa e ao Goberno español que "dean a máxima axilidade posíbel ás negociacións en curso para pechar canto antes un acordo de venda da planta de San Cibrao".

Desde a Consellaría  aseguran que  trasladaron ao Ministerio de Industria "a necesidade de dotar de axilidade este proceso de negociacións e de que haxa un compromiso de transparencia por parte de Alcoa e da  SEPI para concretar un acordo de venda e trasladar certeza aos traballadores” antes de que remate o prazo de negociación que finalizaría este mes. A través dun comunicado de prensa, subliña que tanto Alcoa como a SEPI "teñen que fechar canto antes un acordo de compra-venda que certifique a viabilidade da planta de San Cibrao".

Comentarios