Exixen garantías xurídicas a Liberty

O proceso de venda de Alcoa San Cibrao (Cervo) segue adiante, segundo informan desde CCOO. Os problemas de financiamento non prexudicarán a operación. Agora o atranco viría polas condicións da multinacional norteamericana para que non se repitan casos como o acontecido co Grupo Riesgo.
Persoal traballador de Alcoa San Cibrao, en Cervo, celebra a anulación do ERE por parte do TSXG, nunha imaxe de arquivo (Carlos Castro / Europa Press)
photo_camera Persoal traballador de Alcoa San Cibrao, en Cervo, celebra a anulación do ERE por parte do TSXG, nunha imaxe de arquivo (Carlos Castro / Europa Press)

As novas que chegaron estes días sobre a situación económica en Liberty Steel, potencial comprador da factoría de aluminio de Alcoa en San Cibrao (Cervo) e coa que está negociando o Ministerio de Industria, engadiron un punto máis de incerteza ao futuro do seu cadro de persoal, 524 traballadoras e traballadores, e ao das empresas auxiliares que dependen dela. 

A multinacional do magnate de orixe india Sanjeev Gupta, segundo apuntan varios medios de comunicación do Reino Unido, viuse afectada pola quebra da empresa financeira Greensill Capital, sobre todo nas súas factorías de aceiro que tiveron que paralizar a súa actividade. Esta situación obrigou a compañía a pedir un rescate de emerxencia de até 170 millóns de libras esterlinas, preto de 200 millóns de euros, que foi rexeitado polo Goberno de Boris Johnson

O rexeitamento deste préstamo, explicado por parte das autoridades do Reino Unido pola sospeita de que remataría por sanear empresas fóra do seu territorio, provocou unha resposta inmediata por parte dos sindicatos daquel país, que están a pedir a nacionalización urxente das factorías de aceiro da compañía. A postura da nacionalización é a defendida pola CIG para o caso de Alcoa San Cibrao. A central nacionalista considerouna desde o inicio como a mellor solución para o futuro da factoría situada na Mariña

Proposta de venda de Alcoa e garantías

"Os problemas financeiros en relación a Liberty están superados", explica a Nós Diario o secretario xeral de Industria de CCOO, Víctor Ledo. A pasada sexta feira a multinacional comunicou que o Ministerio de Industria ten enriba da mesa as liñas de financiamento alternativas ás de Greensill Capital en relación ao proceso de venda de Alcoa San Cibrao.

A multinacional norteamericana presentou unha primeira proposta de venda relacionada coa última que dispuxera. "Mostra interese real na venda", sinala Ledo, "é algo que diferencia esta situación da anterior", engade. Para o sindicalista o problema actual son as "garantías" que pide Alcoa ao exixiren a Liberty Steel, e á propia Sociedade Estatal de Participacións Industriais (SEPI), após o proceso que viviu coa factoría da Coruña e o Grupo Riesgo, unhas garantías no proceso de venda por futuros problemas que poidan xurdir. "Poden ser cuestións laborais mais tamén poderían ser, por exemplo, medioambientais", asegura este sindicalista. 

Para Víctor Ledo este sería o verdadeiro atranco para rematar con éxito a venda de Alcoa San Cibrao a Liberty Steel a través da SEPI. "Alcoa quere que unha vez vendida a factoría da Mariña con todos os acordos mercantís quede asegurado e libre de calquera responsabilidade en problemas actuais ou futuros", indica. Neste contexto, para CCOO "non debería de haber ningún problema" e, en todo caso, "non está en risco a operación de venda".  

Bo momento para o aluminio 

"Agora mesmo o mercado do aluminio volve estar interesante", explica Ledo, "producindo outra vez beneficios", engade. Así, non descarta que poida xurdir "algunha outra alternativa" de compra no actual proceso de venda. 

Constantino Arias, delegado sindical de UXT en Alcoa San Cibrao, comparte esta opinión e asegura en declaracións a Nós Diario que "as empresas de  aluminio están saneadas e non teñen problemas, os problemas están no aceiro", aludindo ao momento polo que pasa Liberty Still nas súas factorías situadas no Reino Unido. 

Reunión decisiva para o día 6 de abril

Desde as organizacións sindicais agardan pola vindeira reunión entre elas e o Ministerio de Industria, axendada para o día 6 de abril. "Só estaremos os axentes sociais, e non as empresas, para mostrarnos cal é a súa folla de ruta" no proceso de venda da factoría de Alcoa en San Cibrao, aclara Ledo. 

O hermetismo con que se está a tratar este tema por parte da Administración estatal non deixa de causar incerteza entre parte do cadro de persoal.  "Hai moitos rumores, mais non sabemos se son certos ou non", relata Constantino Arias, "neste caso, estamos un pouco perdidos por non chegarnos información", engade.

A única seguridade coa que contan, segundo este sindicalista, é que "todos os días 22 de cada mes Alcoa informa da situación e, por agora, a venda segue adiante". En todo caso, cre que "a decisión final a ten o Goberno español, que é quen debe dicir se segue adiante ou non" todo o proceso.

Comentarios