O nacionalismo exixe o pleno recoñecemento laboral das mulleres que traballan no mar

O BNG pide no Parlamento medidas concretas, e non só estudos sobre as doenzas específicas deste colectivo. O deputado Bieito Lobeira lamenta o contraste entre a dureza do traballo das mariscadoras a pé ou das redeiras e o seu nulo recoñecemento laboral
Mariscadoras de Noia tras rematar a faena. Foto: JM Lage
photo_camera Mariscadoras de Noia de tras rematar a faena. Foto: JM Lage

O deputado do grupo parlamentar do BNG Bieito Lobeira valorou o resultado do estudo sobre doenzas específicas nas traballadoras do mar encargado pola Xunta, mais exixiu concrecións do ponto de vista legal e xurídico para que o oficio das mariscadoras a pé e das redeiras teña un recoñecemento formal. Lobeira, no debate en comisión dunha pregunta sobre o dito estudo, afirmou que Galiza é rica en “literatura” e estudos diversos mais á hora das concrecións queda aínda moito traballo por facer, consciente de que no caso do recoñecemento laboral destas traballadoras é competencia do goberno do Estado.

O deputado nacionalista falou en todo momento de traballadoras porque se trata de actividades, tanto a do marisqueo como a das redeiras, maioritariamente femininas, practicamente o 90 por cento, e advertiu de que sofre un alarmante envellecentamento -case o 60 por cento son maiores de 50 anos, o que está provocando unha paulatina diminución deste colectivo.

O parlamentar lamentou que por “inercia” ou por ser un tipo de traballo practicamente exclusivo de Galiza, o Estado teña dificultades á hora de asumir que é un colectivo profesional, “cando si se recoñecen outros oficios ou traballos que até poderiamos cualificar de insólitos”.

Discriminación

Para Lobeira, o estudo realizado pola consellería, que apesar de ter sido demandado polo BNG en distintas ocasións a Xunta aínda non remitiu ao Parlamento, debera ir máis alá da descripción ou análise e propor unha estratexia que implique a adopción de medidas non só de prevención dos riscos laborais mais tamén de distintas prestacións polos danos sufridos.

Neste sentido, o deputado nacionalista chamou a atención para o contraste entre a dureza e perigosidade do traballo das mariscadoras a pé e o seu nulo recoñecemento laboral.

A foto, tirada do Flickr, é de jmlage

Comentarios