O Goberno español retomará en xaneiro a negociación sobre o Salario Mínimo Interprofesional

O Goberno incluíu no real decreto de medidas económicas que aprobou esta terza feira, a prórroga para 2023 do SMI de 2022, situado en 1.000 euros mensuais, á espera de que o Ministerio de Traballo acorde cos axentes sociais a cifra para o próximo ano.
O presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, e a vicepresidenta segunda, Yolanda Díaz (Foto: Alejandro Martínez Vélez / Europa Press).
photo_camera O presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, e a vicepresidenta segunda, Yolanda Díaz (Foto: Alejandro Martínez Vélez / Europa Press).

O Goberno do Estado retomará no comezo do ano a negociación con axentes sociais para a subida do Salario Mínimo Interprofesional (SMI) do ano 2023, polo que o incremento aplicarase con carácter retroactivo desde o 1 de xaneiro do próximo ano, segundo confirmou a vicepresidenta segunda e ministra de Traballo e Economía Social, Yolanda Díaz.

En rolda de prensa para facer balance do primeiro ano de vixencia da reforma laboral, Díaz informou de que se retomarán as negociacións para a subida do SMI "probabelmente xa cando empece o ano" e non quixo desvelar ningún avance do tema á espera das reunións.

Yolanda Díaz limitouse a comentar que as súas conversacións sobre o SMI son "co presidente do Goberno" cando lle preguntaron se hai un acordo co lado socialista do Goberno e coa vicepresidenta primeira, Nadia Calviño, sobre a cifra concreta que baralla o conxunto do Executivo.

O Goberno incluíu no real decreto de medidas económicas que aprobou esta terza feira, a prórroga para 2023 do SMI de 2022, situado en 1.000 euros mensuais, á espera de que o Ministerio de Traballo acorde cos axentes sociais a cifra para o próximo ano.

O real decreto-lei aprobado a pasada terza feira e publicado esta cuarta feira no Boletín Oficial do Estado (BOE) prorroga para 2023 a vixencia do SMI de 2022 "durante o período necesario para garantir a continuidade dos traballos da mesa de diálogo social na procura, un ano máis, dun incremento pactado do salario mínimo interprofesional", segundo reza no texto da norma.

"Extraordinaria e urxente necesidade"

Porén, dada a previsión de falta de acordo ao 31 de decembro, cando o SMI de 2022 deixa de ser efectivo, o Goberno afirma que concorren razóns de "extraordinaria e urxente necesidade" que fan "ineludíbel manter transitoriamente a súa vixencia para partir do 1 de xaneiro (de 2023)".

"Garántese deste modo a seguridade xurídica e dáse continuidade á función do salario mínimo interprofesional de servir de chan ou garantía salarial mínima para as persoas traballadoras", subliña o Executivo no decreto.

Desta forma, prorrógase o SMI de 2022 de maneira "temporal" e até que se aprobe o decreto que o fixe para o ano 2023.

Comentarios