NGB: asemblea de traballadores fronte o maior ERE da historia de Galiza

Os sindicatos CIG, CGT e Asca convocaron para esta segunda feira unha asemblea de traballadores de Novagalicia Banco (NGB). Xuntanza na que analizar o impacto e a resposta fronte o maior ERE da historia de Galiza, que afecta a 1.850 persoas, validado por UGT, CCOO e Csica

A cita será esta segunda feira en Compostela, na Rúa do Preguntoiro e no edificio de Novagalicia Banco (NGB). A asemblea está convocada polos sindicatos CIG, CGT e Asca, as tres centrais que non asinaron o acordo que suporá a saída da entidade financeira de 1.850 traballadores. O maior ERE da historia do noso país. Un acordo que si contou co aval e apoio de UGT, CCOO e Csica.

A finalidade desta asemblea é a de debater a analizar a fondo "un acordo que afecta o 80% do plantel" da entidade financeira, para alén de estudar posíbeis medidas a adoptar ao respeito.

Cómpre lembrar que a estas tres centrais (CIG, CGT e Asca) nen sequer puderon estar presentes na mesa na que se redactaba o acordo. Algo que para centrais como a nacionalista non ten sentido algún pois "estabamos ante un ERE de dimensións inéditas" e que afectaba a gran parte do plantel de NGB.

Imposición

Neste senso, Clodomiro Monteiro, da CIG, sinalaba que na xuntanza a empresa exixíalles a estes sindicatos que para estaren presentes na mesma tiñan que aceptar o preacordo. "Algo que, lóxicamente, non podiamos facer".

No preacordo atinxido por CCOO, UGT e Csica coa dirección, contemplábase que o número máximo de despedimentos forzosos será de 1.850 traballadores. Ao inicio das negociacións e contactos esta cifra era de 2.500. Recibirán unha indemnización dun mínimo de 25 días por ano de servizo cun máximo de 16 mensualidades. Porén, se non atopan unha oferta de traballoo nos 18 meses seguintes, o traballador poderá perceber unha cantidade complementaria até acadar 30 días por ano até 20 mensualidades e 2.000 euros por cada tres anos de servizo.

Aliás, até perto de 500 empregad@s da entidade que cumpran neste 2013 os 54 anos poderán acollerse á xubilación cobrando o 80% do salario. O resto de empregados que se acollan a unha baixa incentivada recibirán unha indemnización de 30 días por ano traballado, cun máximo de 22 mensualidades. Ademais, a isto engádese a percepción de 2.000 euros por cada tres anos de servizos completos.

Comentarios