O Estado concede o permiso ambiental a un novo parque eólico de Greenalia, mais obriga a recolocar varios muíños

O proxecto Borrasca contaría con 15 aeroxeradores e unha potencia de 84 MW entre os concellos de Cervo, Foz, Lourenzá, Mondoñedo e Xove.
Aeroxeradores previstos no proxecto do parque eólico Borrasca, de Greenalia.
photo_camera Aeroxeradores previstos no proxecto do parque eólico Borrasca, de Greenalia, e valoracións do Miteco ao respecto.

Só un día despois de coñecerse o visto e prace que o Ministerio para a Transición Ecolóxica (Miteco) deu o visto e prace aos parques eólicos de Greenalia Boura, Monzón e Ventisca, que situarán 32 novos aeroxeradores nas comarcas da Mariña, A Terra Chá e Meira e sumarán á rede enerxética galega unha potencia de produción total de 212,8 megawatts (MW), o BOE recolle a declaración de impacto ambiental dun cuarto proxecto a engadir ás liñas de evacuación de enerxía dos outros tres, Borrasca.

Este parque, así como as súas respectivas infraestruturas de evacuación, estaría composto por 15 muíños cunha potencia instalada de 84 MW e afectaría os termos municipais de Cervo, Foz, Lourenzá, Mondoñedo e Xove, todos eles na comarca da Mariña. Porén, o Miteco condiciona a súa posta en funcionamento ao cumprimento dunha trintena de exixencias en materia ambiental e patrimonial, entre os que salienta o cambio de localización de boa parte das máquinas.

Dos 15 aeroxeradores propostos, só catro poderían erguerse sen restricións ningunhas no emprazamento previsto pola compañía enerxética en cuxo Consello senta a ex conselleira Beatriz Mato, pois entende o persoal técnico do Goberno español, partindo dos informes previos do Instituto de Estudos do Territorio (IET) da Xunta da Galiza, que os demais poderían ocasionar considerábeis afeccións ao medio. Tres das turbinas eólicas, de feito, deberán descartarse ou reubicarse a unha importante distancia.

Greenalia terá que buscar tamén un emprazamento alternativo "de menor impacto" para outros cinco muíños que poderían causar un importante dano á paisaxe, da mesma forma que os anteriores. E no caso dos tres restantes, "co obxectivo de evitar afeccións a afloramentos rochosos de interese paisaxístico", deberán tamén reubicarse ou ben, no caso de mantelos no lugar previsto, "aplicar solucións de deseño das plataformas e outras infraestruturas do parque eólico de maneira que se respecten os citados afloramentos".

A declaración de impacto ambiental precisa tamén que un destes últimos aeroxeradores que se deben recolocar ou construír aplicando medidas correctoras ficaría a 570 de distancia do núcleo residencial do Furco, mentres outro muíño, neste caso un dos que non se poderán erguer nese emprazamento baixo ningún concepto, quedaría a uns 600 metros das edificacións do núcleo de Vilela. E a entre 600 e 800 metros do Burgo quedarían as tres turbinas que cómpre mudar de emprazamento ou construír con certas precaucións.

Aliás, o tendido eléctrico da liña de evacuación pasaría a 100 e 250 metros de distancia, respectivamente, dos núcleos de poboación de Aquela Banda e As Cabanas. Os 15 aeroxeradores tripala terían unha potencia unitaria de 5,6 MW, cunha altura de buxe de 105 metros e un diámetro de rotor de 150 metros.

Comentarios