Marcelino Fernández Mallo: "Substituír eucalipto por produción agraria non é fundamentalismo, é pura eficiencia económica"

Falar de Economía de Proximidade é algo máis que tratar de comercio. O economísta Marcelino Fernández Mallo adéntrase neste termo falando de produción e con esta idea organizou un seminario na Coruña no que reunirá referentes na materia e algúns exemplos de éxito que traballan na Galiza.

O economista, analista e escritor Marcelino Fernández Mallo (Nós Diario).
photo_camera O economista, analista e escritor Marcelino Fernández Mallo (Nós Diario).

-Que produtos teñen moita demanda e pouca oferta de proximidade?

Pasados pola peneira da economía galega descubrín que son os do sector agroalimentario. Notei unhas grandes carencias, en contra do que un pode pensar pola tradición agraria do país, hai uns déficits produtivos en alimentación moi básica que son terroríficos. Como exemplo, somos de todo o Estado español os que estamos máis especializados en consumo de pan.

Temos unha denominación de orixe de pan da Galiza que non a coñece case ninguén. Exixe que o 25% do produto estea confeccionado con cereal galego. É unha cifra modesta porque non hai cereal galego. O que temos é forraxeiro, importante por destinarse á alimentación animal, mais non temos millo, trigo ou avea para consumo humano. O pan é a nosa carencia principal cando  é un dos nosos símbolos como comprobamos coa cantidade de hórreos que vemos en todo o país e que demandaría de nós un respecto cara a produción do cereal que abandonamos por completo.

-É falsa, logo, a imaxe que damos de ter un sector primario potente?

Somos un país moi de exemplos. Pensamos que por ter unha empresa destacada en confección xa temos un sector téxtil. Por citar dous ou tres exemplos de explotación cerealística pensamos que temos un sector. 

O problema é que na Galiza non temos masa crítica en moitos dos sectores básicos. Os exemplos enganan a nosa percepción. Unha economía ten que medirse polas súas cifras macro e estas demostran que o agroalimentario está infradotado desde un punto de vista produtivo con algunha excepción como é o do leite e a carne. 

O problema é que na Galiza non temos masa crítica en moitos dos sectores básicos. Os exemplos enganan a nosa percepción. Unha economía ten que medirse polas súas cifras macro e estas demostran que o agroalimentario está infradotado desde un punto de vista produtivo con algunha excepción como é o do leite e a carne. 

Ademais temos outro déficit nas hortalizas. De trinta especies habituais que estudei só en seis chegamos a cubrir a nosa propia demanda. 

Outro é a froita. Nalgún momento teremos que actuar, é unha cuestión de posíbel supervivencia se algunha das circunstancias que ameazan o equilibrio do planeta se manifesta dunha maneira máis intensa no futuro.

-Que papel xogan as empresas propias nesta decisión?

Un papel total. Eu diferenciaría tres tipos diferentes. Por un lado estaría o produtor individual ou familiar que ten capacidade de desenvolver un proxecto moi persoal coa axuda de poucas persoas sen case externalización e poucos recursos. Pode desenvolver un proxecto que xa nutriría a unha parte do mercado. Soará a herexía mais non todo ten que ser dimensión e non é certo que o campo galego non sexa rendíbel polo minifundismo. Hai exemplos en Irlanda e Reino Unido que funcionan. Hoxe en día pódese vivir do agro. Foi o anatema de épocas anteriores, non das actuais.

Por outro lado estarían as cooperativas que na Galiza teñen unha presenza importante mais hai posibilidade de que medren. O tamaño medio é pequeno en termos relativos e o reto sería que colaboraran entre elas e que aspiraran a gañar tamaño mantendo a integración vertical, como é o caso de Clun.

Por último, estaría a empresa pura transformadora. Sempre é desexábel capital propio e non é por unha cuestión de identidade, é porque tende a quedar no país e o capital externo se hai un mal momento marcha. Nestes tres segmentos están as chaves para que medre a economía de proximidade.

-E a Administración? Agora haberá unha forte inversión de fondos europeos...

Moita información non hai. O proxecto da viscosa é, con todos os meus respectos, un erro e coido que nin será financiábel atendendo aos criterios dos Next Generation. Pola contra , un proxecto de transformación dos recursos propios para xerar produción de calidade respectuosa co ambiente baseada na investigación e no uso ecolóxico da terra tería unha resposta segura deses fondos. Hai un interese que se reflicte nunhas prioridades. Se o teu interese é transformar a economía galega cara a unha maior capacidade de autoprodución, tendente á soberanía alimentaria e cunha utilización óptima dos recursos naturais... terían que estar entre as prioridades. Polo pouco que sei os tiros non van por aí.

Eu propoño que o gran proxecto transformador da Galiza, o primeiro nos Next Generation, debería ser a substitución da plantación de eucalipto pola produción agraria. Non é unha cuestión fundamentalista, é pura eficiencia económica. O eucalipto máis alá das connotacións que ten non crea cadea de valor, non enriquece o produto. Transfórmase noutro moi básico que se chama celulosa e aí remata a historia. É a curta, case nula, cadea de valor da principal especie que medra hoxe en terras galegas. Mentres que se plantas, por exemplo, avea ou millo as posibilidades son moito maiores e cunha capacidade de enriquecemento que non ten o eucalipto. Precísanse moitos recursos, unha grande infraestrutura e I+D mais coa achega dos fondos europeos transformaría a economía galega e potenciaría dunha maneira brutal o seu PIB ademais de fomentar a vida no rural, algo tamén moi importante.

Se o Goberno galego non o entende será algo que non se lle poderá perdoar xamais.

Comentarios