Opinión

“O campo é un atraso”

O campo é un atraso. O minifundismo así como o autoconsumo revelan a falta de progreso. Lúas, planetas, estrelas. E mesmo así, as mulleres sosteñen o mundo, valorando ese sostén en cando menos un 21% do Produto Interior Bruto (PIB), só en materia de coidados en fogar e familias, en países do primeiro mundo. E a horta e a viña, a adega e as abellas. Mary Poppins fai maxia e arromba as crianzas, a casa e as roupas. O papel das mulleres medra na Galiza, na rúa, na aula… O feminismo loita polo derrubamento dos muros visíbeis e invisíbeis que sosteñen o modelo que desfruta do papel das mulleres como propiedade sexual, das nais como parturientes responsables da reprodución da especie e mantemento e crianza dos mesmos individuos. Non era o meu problema persoal e privado senón un sistema, creado a conciencia: igrexas, gobernantes, militares... tamén Galiza, esta terra, o pobo parece pensar, sentir (e será pola definición nos textos de atraso, falto de progreso?) que o problema, responsabilidade da actual situación é culpa nosa. Abandonen as terras, os cultivos de cereais, nabos, millo... porque non é competitivo porque non é rendíbel. E xa soltamos corzo e xabaril para colaborar no proxecto.

Abandonen as vacas, o modelo familiar autárquico de dúas ou tres cabezas perfectamente adaptado (óptimo) ao tamaño das explotacións. Coñecemos hoxe a imposibilidade de obter un produto elaborado (penso) co nivel de calidade das pradarías galegas en canto a variedade e mestura. No concepto de nazón galega vai presa a defensa e loita pola existencia, consolidación, mellora do benestar dunha comunidade estábel, conformada ao longo da historia polo idioma, o territorio, a vida económica e costumes psicolóxicas reflectidos nunha comunidade de cultura. Galiza na historia, hoxe, é a terra e é o mar. O viño e a viña, o leite, as vacas, a pataca e a castaña están aquí polo coñecemento, polo I+D+i que fai que, dende hai máis de 2000 anos, algúns produtos, labores, cheguen aquí, a nós, co mesmo nivel de calidade e pureza.

Coñecemento ao que homes e mulleres do agro e do mar contribúen na actualidade porque o mundo rural e mariñeiro están vivos. Apelo a visión holística, global ou das mil mans, das mulleres en todo tipo de traballos, pero apelo sobre todo ás mulleres labregas, poboadoras do rural vivo que demandan a mesma atención educativa que na urbe, transporte, acceso ás telecomunicacións, servizos a remuneración adecuada ás calidades diferenciadas dos seus tomates e verzas. Son froito da nosa terra e das súas circunstancias. A defensa, valorización dos produtos da terra é a defensa de nós mesmas. E non é o meu problema individual senón que é un nós, pobo galego, defendendo o seu, a súa terra, as súas mans, o seu saber. As escolas agrarias de Monforte, Guísamo, centros especializados, deben reforzarse como lugares de garda e divulgación dese coñecemento.

Poder estudar, facer carreira profesional na cantería, na arquitectura, madeira, cestería, tecidos tradicionais de liño e lá, deseño, xestión especializada... tamén no rural. Valorización da botánica, edafoloxía galega, coñecemento e difusión da historia, de castrexos, romanos, suevos, ...dar a coñecer a historia do país ao rural porque é na terra onde aínda están hoxe os vestixios do pasado. A nosa saúde, a calidade da auga, da terra, do aire... do medio no que vivimos e que produce a nosa alimentación... Os coidados, habilitar vivendas e/ou as vivendas no rural para que nós os maiores poidamos vivir nas casas de seu, no noso pobo, a nosa vida. As eléctricas, industrias de enclave varias deben remunerar, devolver, compensar o dano da ocupación. Neste momento esiximos a paralización do actual plan eólico na Galiza. E vaiamos ó noso! Que hai moito que facer! Viticultura a 2,5 euros! Panfleto dunha viticultora das terras do Bolo. O futuro de Galiza é rural.

Comentarios