A maioría de operarios de Alcoa apoia o acordo coa multinacional

Instalacións de Alcoa, no municipio mariñán de Cervo (Foto: Carlos Castro / Europa Press).
Os prazos do rearranque da factoría de Alcoa en San Cibrao fican atrasados.

Un total de 610 votos a favor (73,4%) e 208 en contra (25,03%) -ademais de sete en branco (0,84%) e seis nulos (0,73%)- foi o resultado final do referendo entre o persoal de Alcoa en San Cibrao, no municipio mariñán de Cervo, para a modificación do acordo alcanzado en decembro de 2021 sobre a parada da planta de aluminio.

Así, obtivo apoio maioritario -acudiu a votar 78,4% das 1.060 persoas convocadas- o atraso a outubro de 2025 da reactivación dunha produción dun mínimo de 75% da capacidade total. 

A cambio, a multinacional comprométese a non realizar un Expediente de Regulación de Emprego (ERE) ou un Expediente de Regulación Temporal de Emprego (ERTE) do persoal da planta de aluminio até 2027.

Porén, e segundo denuncia a CIG, a situación non é a mesma para a planta de alúmina e as empresas auxiliares, que quedarían prexudicadas polo acordo, mentres que o pacto anterior, di a central sindical, si as protexía. Desta forma, o compromiso da multinacional de non realizar nin un ERE nin un ERTE até decembro de 2026 tan só afectaría á planta de aluminio.

A multinacional presentou a proposta o 23 de xaneiro ao comité de empresa e xa entón indicou que era unha oferta "final". Así mesmo, Alcoa defendeu que "incrementa os investimentos" na planta de aluminio e supón "unha maior protección laboral" para o persoal, a pesar de que tamén propón dilatar o arranque total da factoría.

Tras coñecerse os resultados, o presidente do comité de empresa, José Antonio Zan (CCOO), afirmou que "queda demostrada a unidade do persoal" ao conseguirse un apoio con "cinco puntos máis que o anterior referendo", a pesar de que "algúns perseguisen a ruptura da unidade", que "o único" ao que beneficiaría sería a empresa.

O presidente do comité de Alcoa valorou que os resultados da votación mostran que "é bo acordo" e "apoian a negociación", polo que "espera que se asuman responsabilidades por quen antepuxo os seus intereses aos seus deberes como membros do comité de empresa". O persoal da fábrica de Alcoa en San Cibrao chegaba con distintas posicións ás votacións ao estar por unha parte, a favor da proposta CCOO e UXT, mentres a CIG era contraria de rubricar o acordo nas actuais condicións.

Cambio no rearranque 

Con este acordo, a firma mantén o inicio do rearranque da produción de aluminio no 1 de xaneiro de 2024, aínda que se atrasa a evolución da produción do pacto orixinal. Desde o rearranque até 2025, o mínimo de cubas en funcionamento sería o maior de dúas opcións: 32 cubas ou o número de cubas que poidan manterse segundo os acordos de compra de enerxía. Desde outubro de 2025 até 2027, a produción mínima será de 75% da capacidade total.