Os sindicatos chegan divididos á votación do acordo en Alcoa

Esta terza feira comeza o referendo na fábrica de Cervo.
Carteis sindicais diante da factoría de Alcoa, no municipio de Cervo. (Foto: Carlos Castro / Europa Press).
photo_camera Carteis sindicais diante da factoría de Alcoa, no municipio de Cervo (Foto: Carlos Castro / Europa Press).

A asemblea do persoal traballador da fábrica de Alcoa en San Cibrao, no municipio mariñán de Cervo, puxo de manifesto nesta segunda feira a división existente entre os sindicatos CCOO e UXT, por unha parte, e a CIG, por outro, para votar sobre a "proposta final" da multinacional. Os dous primeiros sindicatos avogan polo si, mentres que a central sindical nacionalista é contraria a rubricar o acordo nas actuais condicións que propón a multinacional.

A última proposta da empresa pasa por actualizar as condicións do pacto subscrito entre as partes para parar a produción na Mariña, co compromiso de rearranque en 2024.

O presidente do comité de empresa, José Antonio Zan, de CCOO, constatou a pasada sexta feira que a multinacional "non se move" da súa proposta final, a pesar dos intentos da representación do persoal, que pediu "entrar a valorar meter á planta de alúmina e ás empresas exteriores, tanto transportes como subministracións".

Despois da asemblea desta segunda feira, o persoal traballador da factoría está chamado a votar en referendo sobre a proposta da empresa a partir desta terza feira. 

Ao respecto, a CIG denunciou que a actual proposta da empresa non ampara a planta de alúmina, mentres que o acordo asinado o ano pasado si o facía. En consecuencia, o compromiso da multinacional de non realizar nin un Expediente de Regulación de Emprego (ERE) nin un Expediente de Regulación Temporal de Emprego (ERTE) até decembro de 2026 tan só afectaría á planta de aluminio. 

Ademais, sinala o sindicato nacionalista, "os tempos de rearranque tamén empeoran ao quedar suxeitos ao prezo da enerxía". "Tampouco garante o mantemento de 100% das cubas arrancadas en ningún momento, senón 75%", engade. Por outra parte, denuncia a CIG, a proposta da empresa "deixa á intemperie ao persoal das empresas auxiliares".

Alcoa quere atrasar máis o arranque total da factoría

A multinacional presentou a proposta hai sete días ao comité de empresa e xa entón indicou que era unha oferta "final". Así mesmo, Alcoa defendeu que "incrementa os investimentos" na planta de aluminio e supón "unha maior protección laboral" para o persoal, a pesar de que tamén propón dilatar o arranque total da factoría.
 

Comentarios