José M. Andrade: "Non podemos falar do sector primario na Galiza chorando sempre"

O economista e director da Fundación Juana de Vega, José Manuel Andrade (Fundación Juan de Vega)
photo_camera O economista e director da Fundación Juana de Vega, José Manuel Andrade (Fundación Juan de Vega)

A Fundación Juana de Vega presentou a IX edición do Programa de Apoio a Empresas Agroalimentarias ampliando o seu apoio ás medianas empresas. 'Nós Diario' fala co seu director, o economista José Manuel Andrade, sobre o futuro do agro galego e os cambios que virán na política agraria común (PAC).

O programa de apoio ás empresas agroalimentarias da Fundación Juana de Vega ten nove anos. Mudou o panorama no rural nese período?

A mudanza vén de antes, cun proceso de desagrarización, de abandono da poboación e concentración nos núcleos máis urbanos onde teoricamente hai máis oportunidades de emprego noutros sectores. É unha tendencia que tamén viviron outros países. Cando lanzamos este programa en 2012 estabamos nunha crise económica e a xente miraba ao rural como unha oportunidade e neste momento coincide outra crise económica na que todo apunta a que a xente volve mirar cara ao rural. 

Cales son as propostas máis comúns para emprender no rural galego?

Son diversas. Teñen que ver co aproveitamento produtivo dos recursos do noso territorio. Proxectos para a recuperación e transformación de castaña, granxas lácteas para elaboración de queixos, recuperación de razas autóctonas ou as plantas medicinais e de uso cosmético como a árnica que se emprega na industria farmacéutica. Multitude de iniciativas que demostran a inquedanza da xente por desenvolver proxectos empresariais pegados á terra.. 

Falan de 40% de abandono nestes proxectos. Un dos problemas do agro é a comercialización. Faltan ferramentas propias?

É un problema que non é específico do agro. É fácil fabricar, mais non é vender. Súplese coa vontade de quen emprende. As persoas son a chave no emprendemento agrario. Hai emprendedores de oportunidade que teñen un traballo e detectan unha posibilidade de negocio dedicando todos os seus esforzos a esa idea. E logo hai os de necesidade que por situacións coxunturais están sen emprego e pon en marcha unha idea sen demasiado convencemento polo que se atopan outro traballo, abandonan.

Estase negociando unha nova política agraria común. Que cambios son importantes?

Estase falando de estabelecer un teito de axuda para que un gran propietario non poida recibir unha determinada contía e desta maneira beneficiar aos pequenos agricultores, aqueles que conservan a agricultura de montaña e outras prácticas ambientais que contribúen ao mantemento dun territorio produtivo, con biodiversidade. Tratar de lograr unha maior redistribución deses fondos europeos e que os beneficiarios sexan os agricultores e gandeiros.

Fálase de flexibilizar os trámites burocráticos. Está claro que os gandeiros non son traballadores de oficina especializados na tramitación de documentos, pisan a terra, un traballo que é fundamental desde o punto de vista social, ambiental e económico dos espazos rurais. Será fundamental definir quen é o agricultor xenuíno que non ten que ver co gran propietario.  

Cara a onde debería encamiñarse o rural se quere sobrevivir?

O agro galego ten que explotar ao máximo todas as súas potencialidades. Ter un sector leiteiro competitivo. Tamén queda moito por facer no sector forestal. Outro sería o sector vitivinícola que foi o maior éxito de transformación agraria da Galiza dos últimos 40 anos, capaz de colocar internacionalmente un  produto de calidade diferenciada baseado en variedades autóctonas.

E tamén está o sector da carne que  ten que abordar retos do futuro relacionados co relevo xeracional. Temos que ser capaces de aproveitar as nosas potencialidades e polas en valor. Non podemos falar do sector primario da Galiza chorando sempre.

Comentarios