Viticultores, a parte débil da vendima 2020

As e os produtores de uva non contaban con contrato previo á vendima e desde UUAA aseguran que esta circunstancia debería estar controlada polas institucións.
Vendima 2020 (Arxina)
photo_camera Vendima 2020 (Arxina)

Rematou a vendima na Galiza e con resultados dispares. Para Unións Agrarias (UUAA) a campaña finalizou salvando os "augurios negativos" que anunciaban a presenza da pandemia da Covid-19 e a pouca actividade hostaleira. Outra cuestión foi o comportamento na relación entre adegas e viticultores que segue a ser, segundo o sindicato, deficiente e moi mellorábel.

Roberto García, secretario xeral de Unións Agrarias, compareceu esta sexta feira en rolda de prensa para valorar a vendima 2020 na que, pese a terse recollido a totalidade da colleita, os viticultores seguen a ser a parte débil. "Xeráronse uns novos hábitos de consumo, de distribución e de saída de remanentes que fixo que non houbera viños sen vender da campaña anterior, recolleuse a totalidade da uva", explicou engadindo que "a situación das adegas neste momento é boa". 

Alertan dunha menor produción

García informou que unha vez rematada toda a vendima constatouse que houbo unha importante redución no volume de quilos colleitados (59,9 fronte aos 64 da pasada campaña). "Isto non se explica só por razóns climatolóxicas, ten que ver moito co modelo de viticultor que hai nas distintas denominacións de orixe", asegura e pon como exemplo as do Ribeiro, Ribeira Sacra e Valdeorras que tiveron menos produción "pola viticultura a tempo parcial e pola idade avanzada de moitos viticultores que abandonaron a venda de uva".

Compara esta situación con outras DO como Rías Baixas ou Monterrei onde a produción mantívose "por ter unha viticultura máis profesional". Alerta de que "hai que reflexionar" sobre esta realidade pois "se non facemos nada pode ser unha tendencia que se pode consolidar". 

Prexuízo para viticultoras e viticultores

O voceiro de UUAA cargou contra as administracións galega e española por non corrixir actuacións que prexudican ás  viticultoras e aos viticultores. "Goberno galego e goberno español seguen sen facer os deberes, a primeira non garantiu mesas de negociación entre viticultores e adegas ademais de non publicar os prezos e o segundo non fixo un seguimento da orde que publicou".

Instou ás administracións a actuar "para conseguir que a Lei de Cadea Alimentaria deixe de incumprirse dunha vez por todas". Tanto no que se refire á obriga de asinar contratos con prezos fixados de maneira previa á vendima asegurando que este ano as adegas volveron incumprir.

"A Xunta ten que pór os custes de produción por denominación e o Ministerio ten que controlar que antes de comezar a vendima haxa a obriga de ter que contar cun contrato asinado entre viticultor e a adega, co número de quilos que lle vai vender a esa adega e o seu prezo", explica. 

A realidade é que nesta campaña, segundo UUAA "máis de 80% de viticultores non teñen eses contratos no seu poder". Para que as adegas cumpran a lexislación desde este sindicato non cren que "a solución sexa pór multas, ten que haber un rexistro público onde figuren asinados antes de que comece a vendima".

Por este motivo García sinala que exixirán ás administracións "que se cumpra a data de pago" e que as e os viticultores "cobren trinta días despois de recollelas". Neste sentido destacou a incoherencia e a inxustiza que suporía non facelo,  tendo en conta os cartos públicos inxectados ás adegas.

Comentarios