Jorquera pide que se sancione as grandes empresas que discriminan o leite galego

O candidato do BNG comprométese a traballar pola revitalización do medio rural nunha xuntanza con varias organizacións agrarias. Jorquera alerta de que de non virar as políticas atoparémonos co peche de explotacións e coa desertización económica e humana de comarcas enteiras.
Jorquera comparecendo con representantes das organizacións agrarias
photo_camera Jorquera na xuntanza con representantes das organizacións agrarias

Francisco Jorquera, cabeza de cartel do BNG ás eleccións galegas, mantivo esta cuarta unha xuntanza con representantes de varias organizacións agrarias. O encontro ten lugar poucos días despois do mantido polo Portavoz Nacional do BNG, Guillerme Vázquez, coa FRUGA.

Jorquera prometeulles traballar man a man para “atender as súas demandas e garantir así a potenciación do medio rural como elemento estratéxico da política de crecemento que precisa Galiza”. O candidato nacionalista fixo especial fincapé na crise do sector leiteiro, onde pediu unha actuación “inmediata da Xunta” e facerlle fronte ás grandes corporacións do sector se manteñen unha política lesiva contra os intereses nacionais.

Así mesmo, denunciou as “prácticas ilegais e fraudulentas que están realizando as grandes distribuidoras en detrimento do leite galego” e destacou que “a administración ten mecanismos de inspección e de sanción que non está a exercer”. “A fixación de prezos por contrato obrigatorio ten que ser froito do acordo das partes e se non hai acordo o goberno galego ten que arbitrar e garantir uns prezos xustos e ten ferramentas para facelo”, reiterou.

Alertan do risco de desertización do rural

Jorquera lembrou que o sector primario é “estratéxico para Galiza”. “Pasamos de ser a 'despensa de España', como adoitaban dicir, a que agora a maior parte dos produtos que consumimos sexan importados, cando non hai país que poida progresar dándolle as costas ao seu medio rural” dixo alertando de que “de non se corrixiren tanto os problemas estruturais como os máis inmediatos que padece nestes momentos o rural, nos atoparemos co peche de explotacións e coa desertización económica e humana de comarcas enteiras, xa que hai 12.000 explotacións agora mesmo en perigo”.

“Queren que só fagan política os ricos”

Noutra orde de cousas e respondendo as preguntas dos xornalistas, o candidato do BNG falou sobre a intención da dirixente do PP, Dolores de Cospedal, de retirarlle o soldo aos deputados autonómicos de Castela-A Mancha: “É unha medida populista, demagóxica e con tufo franquista que só vai permitir ser parlamentares aos rendistas”.

Tamén lle restou importancia á marcha da organización nacionalista do alcalde de Vilar de Santos “posto que xa estaba traballando para outra forza política desde hai meses, só que esperou para facer o anuncio agora por intereses electorais e facéndolle así un favor ao PP”.

Comentarios