Guindos aceptou vender NGB a petición dos fondos de investimento estranxeiros

O presidente da entidade, José María Castellano, recoñeceu aos sindicatos que nunha reunión co ministro de Economía e responsábeis de 'fondos-abutre' estes pediron a De Guindos que vendese o banco. E o ministro aceptou

Luis de Guindos
photo_camera Luis de Guindos

Novagalicia Banco (NGB) sairá á venda antes de que acabe o ano e tras un proceso de saneamento con miles de millóns de euros de cartos públicos. E a saída á venda da entidade financeira foi aceptada polo ministro de Economía, De Guindos, a petición de fondos de investimento estranxeiros.

Así llo recoñeceu o presidente de Novagalicia Banco, José María Castellano, aos representantes sindicais na reunión que mantiveron esta cuarta feira. Para Clodo Montero, da CIG-Banca, é “indignante e sorprendente” que un ministro de Economía ceda aos intereses e cálculos dos fondos-abutre. “Se é tal e como nos contou Castellano, o ministro ten que dar explicacións xa. É un escándalo gravísimo”.

A CIG-Banca considera un "escándalo gravísimo" que un ministro de Economía acepte vender un banco porque llo piden os fondos-abutre. "Ten que dar explicacións"

Feito o traballo suxo con cartos públicos, vendelo

Novagalicia Banco sairá á venda tras investirse case dez mil millóns de euros no seu saneamento. Uns cartos destinados a 'preparalo' para a súa venda ao mellor postor. Unha vez 'limpado' o problema das preferentes e subordinadas, e avanzada a reestruturación de persoal e oficinas, queda un banco ao gosto de posíbeis interesados, que os hai.

Desde a CIG pedíuse ao responsábel da entidade que,xa que se estaba a traballar na venda de NGB, se paralizase o proceso de despedimentos colectivos e de restruturación. O sindicato nacionalista tamén solicitou a Castellano a súa demisión. A resposta do presidente tería sido, sinala a central, que “se mo pide un elemento como ti é motivo de orgullo”.


 

Comentarios