O gando sen vacinar pola lingua azul poderá ser desprazado sen restricións a partir desta sexta feira

Estímase que as restricións volverán en abril.
Vacas nunha gandaría de lácteo de Sabadelle, en Chantada (Foto: Carlos Castro / Europa Press).
photo_camera Vacas nunha gandaría de lácteo de Sabadelle, en Chantada (Foto: Carlos Castro / Europa Press).

A totalidade do territorio galego entra esta sexta feira en período libre de transmisión da lingua azul no gando. Durante este espazo temporal, que se estima que dure até o mes de abril, non haberá restricións ao desprazamento do gando sen vacinar ou que non teña como orixe unha explotación vacinada. Desde o 1 de decembro xa tiñan esta consideración gran parte das comarcas do interior, ás que se suman agora as restantes.

Este período libre de transmisión estabelécese a partir do trampeo continuado dos mosquitos transmisores da lingua azul, dado que é unha enfermidade vírica que se transmite por picaduras no gando. Neste sentido, o Ministerio español de Agricultura, Pesca e Alimentación determinou que se inicia un espazo de tempo estacional libre do vector na Galiza.

Con todo, segundo trasladou a Consellaría do Medio Rural, é "fundamental" seguir vacinando aos bovinos e ovinos neste período para ter protexidos os animais no momento en que finalice o período libre do vector, cando volverán ser aplicadas de novo as restricións de movemento dos animais sen vacinar.

Comentarios