As galegas e galegos pagaron 3.228 millóns de euros en portaxes por circular pola AP-9

As tarifas da autoestrada, entre as máis altas do Estado.As bonificacións nas portaxes da AP-9 seguen sen chegar. Mentres a adxudicataria da autoestrada do Atlántico, Itínere, continúa declarando beneficios pola explotación desta vía de pago, as rebaixas para as persoas usuarias anunciadas polo Ministerio de Fomento para o mes de xullo seguen sen concretarse.
A AP-9, nas proximidades da ponte de Rande. (Foto: Europa Press)
photo_camera A AP-9, nas proximidades da ponte de Rande. (Foto: Europa Press)

A AP-9, cuxas obras comezaron na década dos 70, percorre a fachada atlántica da Galiza entre Ferrol e a fronteira portuguesa, suma 178 quilómetros e pertence a Itínere, un consorcio propiedade de diversos fondos de investimentos europeos e norteamericanos. A estrada aparece como unha das vías de xestión privada máis rendíbeis do Estado, até o punto de que a concesionaria espera uns beneficios de 9.561 millóns de euros até 2048, ano de remate da autorización administrativa de explotación da vía. A duración da concesión é tamén un caso único no Estado español, até sumar 75 anos como estrada de pago, tras diversas renovacións do tempo de aproveitamento aprobadas polo Estado.

33,7 millóns de beneficios en 2020

A autoestrada do Atlántico non coñece a crise. Así, en 2020, ano onde a actividade económica e a mobilidade se viron golpeadas pola pandemia, xerou para a concesionaria uns beneficios de 33,7 millóns de euros, após recadar en concepto de portaxes 127,9 millóns de euros. A rendibilidade da explotación aumenta ano tras ano, e o 26,3% do ingresado convértese en ganancias, isto é, un de cada catro euros dos recadados nas peaxes transfórmanse en beneficio netos, tras pagar impostos, nóminas do persoal, obras de conservación e gastos varios.

As galegas e galegos levan pagados 3.228 millóns en portaxes por circular pola AP-9. Segundo as contas presentada pola compañía concesionaria, desde 1979, ano de apertura ao público do primeiro tramo, a autoestrada achegou aos seus titulares uns beneficios de 930,1 millóns, non presentando resultados negativos en ningún exercicio desde 1993. Na mesma liña, a estrada de pago é considerada por Itínere como un dos principais soportes económicos do grupo, cuxo valor contábel cifra en 1.534 millóns de euros.

A A-P rexistra algunha das peaxes máis elevadas do Estado. A este respecto, o Ministerio de Fomento sinala que “a 1 de xaneiro de 2021 presenta a terceira tarifa media máis elevada das autoestradas explotadas por empresas privadas na rede estatal de España” e recoñece que “o impacto económico do transporte para os habitantes da zona é moi importante e de non tomar medidas serao até 2048, data na que remata o contrato da concesión”. Ademais, os incrementos das portaxes foron constantes nos últimos anos, cunha suba de 2,15% en outubro de 2018, de 2,69% en xaneiro de 2019 e de 0,92% en xaneiro de 2021.

As portaxes que máis medran en 2021

As peaxes da Autoestrada do Atlántico son as que máis se teñen incrementado en 2021 no conxunto do Estado. Segundo a concesionaria e o Goberno estatal, as razóns desta decisión líganse á actualización do Imposto de Prezos ao Consumo (IPC), ás repercusións das obras de ampliación da ponte de Rande e ás bonificacións. Porén, os números da empresa xestora desmenten os argumentos, pois duns beneficios de 9.561 millóns de euros até 2048 só pensan destinar 153 millóns á mellora a vía. Así é todo, o Real Decreto 1733/2011, de 18 de novembro, que regula o convenio entre o Estado e a titular da concesión, recolle alzas continuadas até 2037.

A contía destinada nos orzamentos xerais do Estado de 2021 para rebaixar as peaxes na AP-9 é de 55 millóns de euros. Segundo anunciouu o pasado mes de abril o ministro de Fomento, José Luis Ábalos, coa mesma pretenden estabelecer a gratuidade no tramo de Vigo a Redondela, bonificar o 100% da viaxe de volta para aquelas usuarias que o fagan en 24 horas, descontar o 20% da ida para aquelas automobilistas que realicen máis de 10 viaxes ao mes e rebaixar o prezo do desprazamento entre Vigo e a fronteira portuguesa. Na mesma liña, en xuño fixo pública a intención de fixar unha redución de 20% na tarifa dos vehículos pesados nos traxectos de ida e volta.

A proposta do Executivo está lonxe do acordado co BNG no pacto de investidura asinado en xaneiro de 2020. Naquela altura, os socialistas comprometéronse cos nacionalistas a “garantir como mínimo a bonificación de 100% para usuarias recorrentes (dúas veces ou máis ao día) tanto particulares como profesionais, durante todos os días da semana” e “eliminar durante a lexislatura o impacto nas usuarias da AP-9 do incremento extraordinario acumulativo durante 20 anos”, derivado da execución dos novos carrís de Rande, da circunvalación de Santiago de Compostela e da área de peaxe de Sigüeiro (Oroso).

Os responsábeis socialistas adiantaran naquel momento que facer efectiva a rebaixa implicaría un investimento nos orzamentos de perto de 280 millóns de euros. Así, tomando como referencia as contas da concesionaria de 2018, sinalaron que cubrir o 100% das viaxes de volta implicaría bonificar o 30% dos ingresos da empresa, contía situada en 44,5 millóns de euros. Por outra banda, facer fronte á gratuidade do traxecto de Vigo a Redondela e as obras cometidas pola xestora da AP-9 representaría unha achega de máis de 236 millóns de euros.

Vox non considera excesivas as peaxes

A práctica totalidade das forzas políticas e sociais coinciden en denunciar o elevado custo das portaxes na Galiza. O prezo da viaxe polos 198 quilómetros da AP-9 que separan a Ferrol de Tui é practicamente igual aos 302 quilómetros de autoestrada que unen Porto con Lisboa. Isto é, mentres no primeiro caso o custo por quilómetro se sitúa en 0,112 euros no segundo non chega a 0,073 euros. Porén, Vox discrepa desta valoración sobre as peaxes galegas.

A formación ultraespañolista non considera “desorbitadas” as tarifas nos tramos da AP-9 e defende que o 55,4% das viaxes na AP-9 en 2020 se realizou por tramos gratuítos ou contaron con descontos e bonificacións se se dispuña de telepeaxe e se se realizaron en traxecto de ida e volta nun mesmo 
día laborábel”.

Comentarios