Opinión

A navallada da AP-9

Martxelo, Vicent, escríbovos sobre a principal vía de comunicación da Galiza, que non naceu pensada como unha infraestrutura para a articulación territorial do país, operando como un factor que agravou os desequilibrios internos. A día de hoxe son  distinguíbeis dúas  Galizas, dividas pola fenda da AP-9, convertida nunha sorte de liña divisoria do país que resiste e daqueloutro que  esmorece. A AP-9, tamén denominada Autoestrada do Atlántico, é unha mostra  paradigmática do trato do Estado con Galiza. Sometida a diversas prórrogas polos Gobernos do PP e do PSOE en beneficio da concesionaria co obxectivo de impedir o seu uso libre polos automobilistas, até o punto de ser a vía de pago do Estado con máis anos de peaxe, sitúase, tamén, á cabeza no referido aos tramos máis caros de toda a rede viaria estatal. A pesar disto, a rebaixa nas peaxes recollida no acordo de investidura de Pedro Sánchez ao que chegaran o BNG e o PSOE segue sen  efectivizarse.

Hai dúas Galizas, dividas pola fenda da AP-9: o país que resiste e aquel outro que esmorece

Os orzamentos do Estado só destinan para este fin 50 millóns de euros, moi lonxe dos máis de 4.000 millóns destinados ao rescate das radiais de Madrid. A transferencia da titularidade da AP-9 a Galiza é unha vella reivindicación da sociedade galega. Neste sentido, o Parlamento galego aprobou por unanimidade a demanda en máis dunha ocasión e o 2 de febreiro de 2021 o Congreso deulle luz verde co voto favorábel de socialistas e populares. Con todo, ao longo destes meses unha e outra forza veñen atrasando na Mesa da Cámara a tramitación desta iniciativa. A pasada semana o PSOE rexistrou unha emenda contraria á transferencia e defendendo a propiedade estatal da vía.

O cambio de posición nesta cuestión exemplifica a lóxica do xogo partidario, a capacidade real de decisión das forzas políticas de obediencia española e a consideración da Galiza no Estado. Repítese a vella práctica dos partidos estatais de defender posicións políticas diferentes en Galiza e en Madrid, antepoñendo os intereses das súas organizacións aos do país.  Martxelo,  Vicent, confírmase ademais un trato con Galiza non aplicábel a outro territorios do Estado.

Comentarios