A frota denuncia "exclusións" no paro biolóxico en Ferrol

Críticas nas confrarías de Mugardos e Barallobre.
Porto de Mugardos, na comarca de Ferrolterra. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Porto de Mugardos, na comarca de Ferrolterra. (Foto: Nós Diario)

Representantes da confraría de Mugardos e da Santiago Apóstol de Barallobre, en Fene (comarca de Ferrolterra), trasladaron a súa "resignación" após manter onte unha xuntanza con representantes da Consellaría do Mar para estudar as posibilidades de acollerse a un paro biolóxico na ría de Ferrol, nun contexto de baixa produción marisqueira nos bancos. 

Tras o encontro, no que participaron a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez, e o director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Antonio Basanta, o patrón maior do pósito de Barallobre, Jorge López, explicou que a esta medida só poderían acollerse "20% dos 120 socios"

Así, precisou que "terceiras listas e marisqueo a pé" deberían ter traballo mínimo de 120 días nos últimos dous anos; mentres que os tripulantes deberían acollerse a un ERTE. 

López incidiu en que o principal problema que atopan os profesionais do mar na ría de Ferrol é a falta de produto. Ademais, sostivo que a Xunta da Galiza "está tratando de atallar o problema" e de "rexenerar os bancos". Con todo, sinalou que xa levan cinco anos con esa intención e, segundo Jorge López, "a cousa non mellora".

Extracción de mexilla

A Consellaría do Mar anunciou onte que manterá a próxima semana un encontro con representantes dos produtores de mexillón da Galiza co obxectivo de "analizar a informar dos avances sobre as propostas de apertura de novas zonas para a extracción de mexilla".

Este anuncio chega após as protestas que decorreron antonte diante da sede da Xunta en Compostela e nas que o sector bateeiro pediu a dimisión da conselleira do Mar, Rosa Quintana, pola limitación na recollida de mexilla.

Desta maneira, o Executivo galego di que analizará as propostas que unha parte do sector remitiu á Consellaría após a última xuntanza mantida con Antonio Basanta para abordar "o problema da escaseza deste recurso".

Unha vez avaliadas as propostas, a Xunta di que "estaría en disposición de abrir novas zonas" para a extracción de mexilla. Após as críticas do sector e da oposición parlamentaria (BNG e PSdeG) por non mediar, a Xunta di agora que mediará entre bateeiros e percebeiros, implicados nun conflito que leva enquistado máis de tres anos.

Comentarios