Análise

A guerra é de prezos

A xornalista Paula Castro analiza para 'Nós Diario' a actual crise de prezos.
A falacia da autorregulación, sinala a autora, fíxose evidente ao longo da historia contemporánea (Foto: Álex Rozados).
photo_camera A falacia da autorregulación, sinala a autora, fíxose evidente ao longo da historia contemporánea. (Ilustración: Álex Rozados)

O 24 de febreiro o conflito ruso-ucraíno escalaba un chanzo máis acadando a consideración internacional de guerra. Daquela, a superación do shock provocado pola Covid semellaba estar moi lonxe. Porén, o cambio de foco dos medios de comunicación sumiu na irrelevancia a crise sanitaria. A guerra en chan europeo encheu portadas, páxinas de xornais e horas de radio e televisión, converténdoa na primeira preocupación no chamado primeiro mundo.

Dun día para o seguinte os prezos dos carburantes disparáronse aínda máis e nos andeis de tendas e supermercados os prezos dos produtos de primeira necesidade comezaron a desbocarse. A guerra da Ucraína era a causa e Rusia a culpábel. Os medios de comunicación así nolo repetiron, unha e outra vez desde o primeiro día, servindo en bandexa de prata a desculpa perfecta ao grande empresariado para iniciar a súa particular carreira á alza dos prezos.

Malia a variación anual do indicador adiantado do IPCHA (Índice de Prezos de Consumo Harmonizado) ser do 6,6%, o IPC dos alimentos chegaba ao 15,4% no mes de outubro. Unha taxa superada por ovos, leite ou legumes, que rexistraban subas de máis do 25%; case o 24% os aceites; máis do 22% os cereais e entre o 11% e o 15% carnes, peixes, froitas ou café.

Á espera de coñecer as ganancias das grandes cadeas de comercio e alimentación, xa se albisca por onde irán as contas das grandes enerxéticas. Repsol comunicou este mes á Comisión Nacional do Mercado de Valores uns beneficios de 3.222 millóns de euros, un 40% máis que en 2021; Endesa confirmou un incremento de beneficios do 13,2%, 1.651 millóns; Naturgy 1.061 millóns de euros, o 36,6% máis, nos nove primeiros meses de 2022, e Iberdrola un 29% máis, con 3.104 millóns de euros de beneficios. As súas contas desmenten pois a mediática e demostran que non era a guerra, senón a usura, a que inflou os prezos para o enriquecemento duns poucos e o empobrecemento de todos os demais.

Parches á inflación

O Goberno do Estado español, nun intento de minimizar o impacto que estas desmesuradas subas estaban a ter, aplicou, primeiro, unha rebaixa nos carburantes –que vén agora de suprimir, agás para transportistas– mais que foi absorbida polo erario público, isto é, por todas e todos nós. A esa seguiron outras na luz e no gas, coa aplicación dun tope que sería compensado ás eléctricas polas consumidoras. Chamáronlle excepción ibérica e a Comisión Europea, visto que non se prexudicaban os beneficios das multinacionais do sector, deu a esta fórmula a súa beizón.

Acaban de aprobarse agora rebaixas no IVE dalgúns alimentos. Un imposto que grava –ou neste caso rebaixa- por igual a quen ingresen 1.000 € ou 15.000€, sen aplicar medida algunha para frear a especulación das empresas de distribución e venda de produtos alimentarios. Máis outra vez para garantir que os seus beneficios quedan intactos.

“It’s the economy, stupid!”

James Carville, asesor de Bill Clinton, acuñaba en 1992 a frase “É a economía, estúpido!”, e así é. En 1947, EEUU poñía en marcha o Plan Marshall para reactivar as maltreitas economías do vello continente tras a II Guerra Mundial e frear a expansión do comunismo. Millóns de dólares en forma de empréstitos, a devolver a baixos xuros, condicionados a que se garantise o libre comercio; diminuísen as barreiras arancelarias; se abrise o enorme mercado europeo aos produtos chegados dos EEUU e se facilitase o asentamento das súa empresas en chan europeo. Un modelo económico, planificado, asumido desde a súa constitución polo que hoxe é a UE, que se asenta na convicción de que os mercados se autorregulan e que, por tanto, cómpre minimizar o intervencionismo dos Estados.

As contas das grandes empresas demostran que non era a guerra, senón a usura, a que inflou os prezos

A falacia da autorregulación fíxose evidente ao longo da historia contemporánea, mais na última crise quedou clarísimo que o intervencionismo dos Estados non é admisíbel para topar prezos, pero si para rescatar a banca; limitar beneficios, pero si limitar salarios; externalizar e, xa que logo, privatizar servizos públicos, pero si para financialos desde as arcas do Estado ou para regar o sistema económico cos Fondos Next Generation a cambio de, entre outros requisitos, empeorar as pensións.

Así as cousas, mentres medran os beneficios das grandes empresas, a clase traballadora seguirá empobrecéndose. Para frear a inflación, o BCE planifica unha suba do Euribor que xa está provocando unha escandalosa suba das hipotecas; soben os alimentos e nada garante que, malia rebaixar o seu IVE, se van conter os prezos; soben vestido e calzado, luz, gas, carburantes… pero o que hai que topar son os salarios e as pensións.

E aínda pretenden que a clase traballadora destine parte deses salarios, cos que non chega a fin de mes, a plans de pensións para non vivir na miseria que nos auguran para os últimos anos das nosas vidas. Por iso, señoras, non é de Rusia a culpa, senón a desculpa, porque como dixo Carville, “It’s the economy, stupid!”.

Comentarios