Patronal e Xunta saen en apoio do imputado presidente de Iberdrola

O empresariado coruñés homenaxeou esta sexta feira o presidente de Iberdrola, Ignacio Sánchez Galán, en medio da polémica pola súa imputación como consecuencia das investigacións da Fiscalía Anticorrupción. Nese mesmo acto tamén recibiu o apoio do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, e o presidente da patronal española, Antonio Garamendi. 
De esquerda á dereita: Antonio Fontenla, Alberto Núñez Feixoo, Ignacio Sánchez Galán e Antonio Garamendi (CEC).
photo_camera De esquerda á dereita: Antonio Fontenla, Alberto Núñez Feixoo, Ignacio Sánchez Galán e Antonio Garamendi (Foto: CEC).

A Confederación de Empresarios da Coruña (CEC) organizou esta sexta feira nun coñecido hotel coruñés unha homenaxe ao presidente de Iberdrola, Ignacio Sánchez Galán, a primeira que recibe desde que a Audiencia Nacional determinou a súa imputación na causa que investiga se Iberdrola contratou os servizos do  excomisario José Manuel Villarejo para espiar a xuíces, empresarios ou perseguir ao seu comité de empresa. Malia esta circunstancia acudiron en respaldo á traxectoria do executivo da eléctrica o presidente da Xunta da Galiza, Alberto Núñez Feixoo, e o presidente da Confederación Española de Organizacións Empresariais (CEOE), Antonio Garamendi. 

A entidade que preside Antonio Fontenla creou para a ocasión este título honorífico que non figura nos seus estatutos. Iberdrola xa fora protagonista, o pasado mes de xuño, dun evento de presentación da compañía eléctrica que derivou nun acto comercial que causou malestar entre os asociados pola coincidencia co aumento do prezo da electricidade que está a prexudicar a moitas das súas empresas. 

Imputado pola Audiencia Nacional

Ignacio Sánchez Galán foi imputado o pasado 23 de xuño polo xuíz da Audiencia Nacional, Manuel García-Castelló, no caso Tándem por delito continuado de suborno activo, delito contra a intimidade e falsidade en documento mercantil polos presuntos encargos e espionaxes contratadas ao excomisario José Manuel Villarejo e a súa sociedade Cenyt. 

A Fiscalía Anticorrupción atopou indicios de espionaxe irregular contra adversarios políticos e empresariais como o presidente de ACS, Florentino Pérez, e organizacións ecoloxistas no medio da posta en marcha dunha central de ciclo combinado en Arcos de la Frontera (Cádiz). Ademais se lle acusa de encargar datos comprometedores acerca de diversos dirixentes do PP e o PSOE.

Respaldo de Feixoo a Sánchez Galán

A presencia no acto do presidente da Xunta constata a boa relación que ten o líder do PP galego co responsábel da eléctrica. En 2005 xa participou nun Consello da Xunta en funcións que autorizou algúns parques eólicos e tomou como bandeira un modelo de enerxías renovábeis próximo a Iberdrola, un xesto que agradeceu o presidente da eléctrica coa súa presencia na toma de posesión de Feixoo após gañar as eleccións en 2009.

O paso seguinte foi a anulación do Concurso eólico que facilitaba a participación pública nas instalacións eólicas mantendo, desta maneira, que sigan a estar baixo control privado. 

Os proxectos da eólica mariña na Galiza

O presidente de Iberdrola sinalou no acto da Coruña que quere movilizar na Galiza "4.400 millones de euros" nos seus proxectos de almacenamiento hidroeléctrico, enerxías eólica e mariña flotante, movilidade eléctrica e hidróxeno renovábel. A principios de xuño, Iberdrola solicitou perante o Ministerio de Transición Ecolóxica o alcance ambiental de dúas instalacións de 490  MW cada un fronte á costa galega, os proxectos San Cibrao e San Brandán.

En concreto, o parque eólico mariño flotante San Cibrao contempla unha potencia total de 490  MW e a súa liña de evacuación a subestacións en terrestres na Galiza. O parque eólico mariño flotante San Brandán ten, igualmente, cunha potencia total de 490  MW e a súa liña de evacuación a subestacións en terrestres na Galiza. A resposta social foi contundente e o sector pesqueiro solicitou de inmediato a retirada de ambos proxectos.

Esta mesma semana, segundo informou nas redes a Asociación Ecoloxista Adega, o Ministerio de Transición Ecolóxica arquivou o expediente da proposta a realizar en San Cibrao por "causas sobrevidas" e "carencias formais".

Comentarios