Análise

Rematará Alberto Núñez Feixoo nun consello de administración?

A relación do presidente da Xunta co sector eólico vén de lonxe. Quizais podería seguir os pasos da que fora conselleira de Medio Ambiente, Beatriz Mato?
Alberto Núñez Feixoo abrazándose ao presidente de Iberdrola, Sánchez Galán, no acto de toma de posesión como mandatario galego en 2009. (Foto: Nós Diario) #feixoo #iberdrola #eólica #enerxía #parqueeólico #xunta #consellodeadministración
photo_camera Núñez Feixoo abrazándose ao presidente de Iberdrola, Sánchez Galán, na toma de posesión como mandatario galego en 2009. (Foto: Nós Diario)

A relación de Núñez Feixoo co sector eólico vén de lonxe. Como membro do Executivo de Manuel Fraga apoiou diversas instalacións eólicas en diferentes puntos da Galiza, algunhas delas baixo a lupa dos movementos ecoloxistas, participando en 2005 do Consello da Xunta en funcións que autorizou unha sociedade participada pola familia do antigo alcalde coruñés, Francisco Vázquez, un parque eólico en Ourol. Apartado das responsabilidades de Goberno tras a perda da maioría absoluta por parte do Partido Popular en 2005, non dubidou como xefe da oposición en confrontar a política enerxética do Executivo PSdeG-BNG cos mesmos argumentos empregados polos grandes operadores eólicos.

A dura campaña da patronal enerxética contra o Executivo de coalición dde socialistas e nacionalistas a conta do modelo eólico atopou en Feixoo un dos principais apoios. O entón aspirante da dereita á presidencia da Xunta non dubidou en rexeitar un plan que recolleu unha participación pública na totalidade das instalacións eólicas, que ligou os complexos de enerxía renovábeis a un proxecto industrial e que puxo o vento en mans de iniciativas impulsadas desde as cooperativas agrarias ou desde o complexo pesqueiro. Feixoo neste caso cumpriu coa súa proposta electoral e unha vez situado á fronte do Goberno galego non dubidou en anular o concurso eólico, malia os reparos sobre a legalidade da decisión como referendou anos máis tarde o Tribunal Superior de Xustiza da Galiza.

O factor Iberdrola

A primeira toma de posesión  de Feixoo como presidente da Xunta serviu, tamén, para coñecer a súa amizade con Ignacio Sánchez Galán. Sánchez Galán, presidente de Iberdrola, a primeira compañía de renovábeis do Estado, e un dos principais opositores ao plan eólico do bipartito, aspira agora a instalar dous complexos de eólica mariña fronte ás costas de Ortegal e da Mariña cunha potencia total de 900 megawatts. 

Ao tempo, Iberdrola conta na súa equipa directiva con antigos dirixentes do Partido Popular, entre eles o ministro de Aznar e secretario xeral da formación, Ángel Acebes, ou as ministras de Mariano Raxoi, Fátima Báñez e Isabel García Tejerina. 

As compañías enerxéticas convertéronse no retiro dourado de importantes cargos populares da Xunta da Galiza. Así, en Greenalia, a eólica coruñesa que desde unha parte do sector acusan de ser a compañía preferida do Goberno galego, atópanse como directivos o todopoderoso ex responsábel de Industria e Comercio da época Fraga, Antonio Couceiro, ou a antiga conselleira de Medio Ambiente de Núñez Feixoo, Beatriz Mato. O departamento dirixido por Mato outorgou a Greenalia diversas autorizacións legais para diferentes proxectos, entre eles a central de biomasa en Teixeiro, que recibiu importantes axudas públicas para a súa construción.

A política seguida polo Goberno galego está aliñada coas demandas da patronal eólica. Os ouvidos xordos a actualizar as áreas de protección da Rede Natura, tal e como se lle ten esixido por parte das autoridades comunitarias, a reforma das lexislación urbanística e ambiental para favorecer a instalación dos complexos enerxéticos ou a mudanza da posición sobre a eólica mariña son algúns exemplos.

Porén, o futuro non está escrito e fica por saber se a vitoria vai caer do lado dos colectivos sociais que defenden un modelo enerxético diferente ou da Xunta.

Comentarios