As confrarías de pescadores enfróntanse a Iberdrola

O sector pesqueiro solicita a retirada dos parques eólicos de San Brandán e San Cibrao. A tensión entre este tecido produtivo e os operadores da eólica mariña continúa. Mentres Iberdrola insiste cos dous proxectos anunciados para A Mariña e Ortegal, Asime tenta sacar adiante a súa proposta de localización de parques. Os debates que decorreron onte no Observatorio da Eólica Mariña son unha mostra.
Parque eólico mariño en Bélxica. (Foto: Europa Press)
photo_camera Parque eólico mariño en Bélxica. (Foto: Europa Press)

O Observatorio da Eólica Mariña segue cos seus traballos, mais desde o sector pesqueiro piden calma. A este respecto, o presidente da Federación Galega de Confrarías de Pescadores, José Antonio Pérez Sieira, sinala a Nós Diario que “queren ir moi rápido pero nós precisamos tempo para coñecer e estudar os proxectos. Hai que mirar o impacto que pode xerar no sector e por iso pedimos sentido común e conciencia de que a Galiza é unha zona altamente dependente da pesca”.

O secretario xeral da asociación de armadores Pescagalicia e representante do sector pesqueiro no Observatorio da Eólica Mariña, Torcuato Teixeira, recoñece a Nós Diario o malestar da pesca con Iberdrola. “Na anterior reunión do Observatorio pedímoslles que retirasen os proxectos, pero Iberdrola insiste, malia que as localizacións propostas non están incluídas nas zonas autorizadas polo Estado para este tipo de actividades”.  

A xuntanza do Observatorio da Eólica Mariña da Galiza decorrida onte prodúcese despois de que o sector pesqueiro achegara de maneira unánime ao Ministerio de Transición Ecolóxica (Miteco) o seu rexeitamento aos proxectos promovidos por Iberdrola fronte ás costas da Mariña e de Ortegal. A este respecto, son numerosas as alegacións presentadas polas diversas entidades representativas do sector, entre elas a Federación Galega de Confrarías de Pescadores, que agrupa 63 asociacións de mariñeiros doutros tantos puntos da costa.

As confrarías galegas reclaman a retirada dos denominados parques eólicos de San Brandán e San Cibrao. Así, consideran que “a súa localización está prevista nunha zona pesqueira altamente activa que causaría directamente graves prexuízos á flota de arrastre, palangre, cerco e artes menores porque non hai que obviar que ademais da instalación dos artefactos flotantes será necesaria a instalación de cabreado que afectaría directamente o resto de flota que non só faena, senón que transita pola localización proposta”.

Alegacións das confrarías

“Está máis que demostrado que a zona é de alta incidencia pesqueira, con caladoiros de pesca moi activos, así como zona de tránsito habitual da flota”, sinalan desde as confrarías, que canda outras entidades do sector teñen denunciado con anterioridade que “a incidencia sobre a pesca da flota desde Cedeira até Burela pódese calcular en ao redor de 65% das zonas de captura anual, sen contar a pesca zonal ou temporal de flota doutras zonas”. Neste sentido, lembran que os parques eólicos están previstos en tradicionais lugares de pesca como Campo de San Cibrao, Lombo da Estaca, Petañón, Puntal de 13, Mar das Sete Curvas ou Potrero.

A alegación das confrarías súmase ás reservas do Parlamento europeo á eólica mariña. Neste sentido, recolle algunhas das consideracións do informe aprobado a semana pasada na Eurocámara, destacando a “necesidade de evitar o potencial impacto a longo prazo causado polos muíños mariños en determinados ecosistemas, nas poboacións de peixes e na biodiversidade e, por conseguinte, na pesca no seu conxunto”. Apuntan que “a enerxía renovábel mariña só será sostíbel se non ten repercusións negativas no medio ambiente, nin na cohesión económica, social e territorial, especialmente nas rexións dependentes da pesca”.

O economista da Universidade de Santiago de Compostela (USC) Gonzalo Rodríguez discrepa dos beneficios económicos da eólica mariña e amósase preocupado polo seu impacto no sector pesqueiro. “Hai unha cuestión de oportunidade. Se se formula como unha alternativa industrial para o naval de Ferrol chega tarde, isto había que facelo na década dos 80, como fixo a cidade alemá de Bremen. Ademais trátase dunha aposta de valor engadido moi baixo que xera moi pouco emprego e que entra en contradición con outras actividades como a pesca, unha industria que si xera moito valor engadido na Galiza”, sinala Rodríguez.
 

Comentarios