A 'excepción ibérica' prorrógase até o 31 de decembro

A ministra Ribera anuncia un acordo con Bruxelas que introducirá mudanzas na norma.
Factura da luz. (Foto: Nando Vidal)
photo_camera Factura da luz. (Foto: Nando Vidal)

A ministra para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, Teresa Ribera, anunciou a primeira hora desta terza feira un acordo coa Comisión Europea para estender a 'excepción ibérica' até o próximo 31 de decembro que leva ao Consello de Ministros de hoxe, malia que quedará pendente a adopción formal por parte de Bruxelas.

"É unha ferramenta que permitirá seguir protexendo os consumidores españois e portugueses até final de ano", sinalou á súa chegada a Bruxelas para participar na reunión ordinaria de ministros e ministras de Enerxía da Unión Europea.

Esta decisión supón, en palabras de Ribera, non só unha extensión da 'excepción ibérica' que xa se aplicaba, senón que implica algúns "axustes para acomodala", como a referencia de prezos, que até o de agora medraba en cinco euros ao mes, e agora será "máis suave", de perto de dous euros.

"A curva pola que cada mes incrementábase esta referencia pasa a ser prolongada e máis suave", indicou a ministra, para explicar que se pasará dos 55 euros da referencia actual até os 65 euros en decembro.

Con todo, sinalou que se os prezos do gas natural fican nos niveis actuais, probabelmente o mecanismo non se active, aínda que en caso de que for preciso, permitiría manter un prezo "razoábel", non tan "dependente" da evolución do gas natural.

Estrea de Miñóns e Gómez

Precisamente o Consello de Ministros desta terza feira é o primeiro das dúas últimas incorporacións, o galego José Miñóns —Sanidade— e o canario Héctor Gómez —Industria, Comercio e Turismo—, após tomar posesión dos seus cargos a primeira hora do día na Zarzuela. O BOE xa recolleu a saída das agora ex ministras Carolina Darias e Reyes Maroto e os nomeamentos de Miñóns e Gómez.

Comentarios