Rusia insiste en "non estar interesada" en cortar o envío de gas a Europa

A paralización do gasoduto Nord Stream 1 activou un novo foco de tensión entre Europa, con Alemaña á cabeza, e Rusia.
Instalacións de Nord Stream 1 en Alemaña. (Foto: Europa Press)
photo_camera Instalacións de Nord Stream 1 en Alemaña. (Foto: Europa Press)

O Goberno ruso volveu insistir esta segunda feira en que "non está interesado" en cortar definitivamente a subministración de gas a Europa.

Neste sentido, o Kremlin afirmou que o país é "un subministrador responsábel". As declaracións desde Moscova chegan no medio das críticas das autoridades europeas, e principal das alemás, por unha posíbel paralización total do envío de gas natural a través dos gasodutos.

"Rusia é un subministrador de gas responsábel e non importa o que se diga. Rusia era e segue sendo un país que garante en gran medida a seguridade enerxética de Europa", afondou o portavoz da Presidencia rusa, Dimitri Peskov.

Así, explicou que o papel de subministrador de gas é xogado por Rusia "con garantías 'de facto'", mais advertiu que, "se Europa continúa o seu camiño de imposición temeraria de restricións e sancións que lle golpea, a situación será diferente", segundo informou a axencia rusa de noticias Interfax.

Críticas de Alemaña

"Repito de novo. Rusia non está interesado nisto", matizou Peskov, ao tempo que rexeitou as críticas por parte do chanceler de Alemaña, Olaf Scholz. "Estas afirmacións son unha contradición absoluta da realidade e o historial de entregas", argüíu.

As tarefas de mantemento no gasoduto Nord Stream 1 que obrigaron a parar o envío de gas a Alemaña durante 10 días abriron un novo foco de tensión entre ambos países, con continuas acusacións do Goberno de Scholz ante unha posíbel paralización definitiva da subministración.

En canto a isto, o portavoz ruso asegurou que a nova turbina será instalada no Nord Stream 1 no momento no que a empresa alemá Siemens Energy entregue os documentos precisos, segundo a axencia alemá de noticias DPA.

"A turbina será instalada cando sexan completados os formalismos e os procesos tecnolóxicos após o que se se retomará o envío ao nivel que sexa tecnicamente posíbel", concluíu Peskov.

Comentarios