Estes son os problemas aos que se enfrontan os viticultores e viticultoras na vendima deste ano

Os cambios meteorolóxicos bruscos que estamos a vivir no país están a afectar a moitos sectores da economía, sendo un dos máis prexudicados o da viticultura. A necesidade de adiantar a vendima, a falta de man de obra, a recente seca ou as actuais chuvias son algúns dos atrancos que o mundo da uva tivo, e aínda ten, que superar, segundo a Asociación Galega de Viticultura (AGV).
A seca deste verán, as actuais chuvias e a falta de man de obra condicionan en gran medida a vendima deste ano. (Foto: Carlos Castro, Europa Press)
photo_camera A seca deste verán, as actuais chuvias e a falta de man de obra condicionan en gran medida a vendima deste ano. (Foto: Carlos Castro, Europa Press)

Ante esta situación, Roberto Rivas, presidente da AGV e socio fundador da adega Viña Moraima, pertencente á denominación de orixe Rías Baixas, explica a Nós Diario as dificultades que os viticultores e viticultoras galegas están a encontrar este ano. “Até a sexta feira do 2 de setembro tiñamos o problema de que a uva estaba moi deshidratada e pesaba pouco” debido á seca. 

O adianto da vendima deste ano, que nalgúns lugares da Galiza xa comezou a finais do mes de agosto e noutros a primeira de setembro, debeuse a que “este foi un verán moi cálido”, segundo indica Rivas. 

As altas temperaturas provocaron que a uva chegara a uns parámetros óptimos en canto á maduración alcólica e á maduración fenólica”, é dicir, aquela relacionada cos aromas do viño resultante, pero “non en canto á cantidade de auga”, que resultaba escasa. É por este motivo polo que as uvas deste ano non só resultan máis pequenas senón que “están máis pasificadas” dada a falta de auga, sostén Rivas. As principais adegas galegas prevén perdas de entre 5% e 10% con respecto ao ano pasado debido á seca.

Cambios meteorolóxicos

Aínda que as actuais chuvias que segundo as previsións continuarán varios días, poden parecer positivas para as colleitas, dada a persistencia da seca no verán, se se estenden  no tempo poden ser prexudiciais para a uva. “Cando comezou a chover iluminóusenos a cara, pero agora empezamos a asustarnos ao ver que a chuvia aínda vai durar”, explica Rivas. 

O presidente da AGV comenta que as chuvias prolongadas poden provocar que “a uva rache ao absorber demasiada auga”. O exceso de auga tamén pode provocar enfermidades no produto como a botrite (Botrytis cinerea), un tipo de fungo patóxeno que afecta a diversos vexetais como os amorodos ou, especialmente, as uvas. O “contacto continuo coa auga provoca que apareza este fungo e que a uva podreza”.

Estes fenómenos meteorolóxicos debidos ao cambio climático tamén favorecen a aparición dun maior número de pragas que afectan os cultivos. Ademais, as condicións de traballo tamén empeoran; “hai que aprender a traballar neste novo contexto climático e afacernos ás xeadas tardías, sarabias a destempo” ou demais situacións, como explica Rivas.

“Hai que aprender a traballar neste novo contexto climático e afacernos ás xeadas tardías e ás sarabias a destempo”

Outro dos problemas cos que se atopa o mundo da viticultura en tempo da vendima é a escaseza de man de obra que se debe, segundo informa Rivas, a dous factores. Por unha parte, este ano influíu “o adianto do curso escolar” pois moitas das persoas que traballan na vendima son estudantes.

Por outra parte, existen diversos problemas coas axudas aos vendimadores e vendimadoras. “Non pode ser que unha persoa que vai vendimar dous días e teña unha axuda por ese traballo, atope problemas fiscais por esa axuda o resto do ano”. 

Medidas a tomar

Segundo Rivas, as Administracións Públicas non están a tomar as medidas necesarias para axudar o sector, e explica que “o último grande invento da Consellaría (de Medio Rural) foi crear un teléfono para que nos denunciemos uns viticultores a outros, ou unhas adegas a outras, se sospeitamos da existencia dunha fraude”, e engade que “iso é a punta do iceberg de que non se lexisla pensando no sector que, nestes momentos, é un dos que realmente tira para arriba o medio rural galego”. Rivas conclúe que “quen ten as obrigas do control sobre as adegas e os viticultores, a Consellaría de Medio Rural, ten que facer o seu traballo”. 

“Iso é a punta do iceberg de que non se lexisla pensando no sector que, nestes momentos, é un dos que realmente tira para arriba o medio rural galego"

O que máis urxe, segundo o presidente da AGV, é a elaboración de contratos homologados para “estabilizar o prezo e non depender da meteoroloxía". Tamén cómpre “ter coidado co acaparamento de terras que se está a producir por parte de operadores de fóra para crear plantacións ou adegas”, o que "pode influír no noso sector”.

Comentarios